Máis de medio centenar de xuristas acuden a Casa a presentación das "Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela"

A cita na cidade lucense será os días 6 e 7 de xuño e a ela irán profesionais de toda España para tratar temas tamén de interese xeral
Madrid, 20 de maio de 2014

A delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a Presentación das VIII Xornadas Xurídicas de Sarria "Román García Varela", organizadas polo Concello lucense en colaboración con IURISGAMA (Asociación de Xuristas Galegos en Madrid). As Xornadas, que agora levan o nome do seu desaparecido fundador, celebran este ano a VIII edición -contan polo tanto cunha consolidada traxectoria-, e nelas, os días 6 e 7 de xuño, daranse cita xuristas de toda España para tratar temas tamén de interese xeral, en concreto, este ano versarán en torno a "A protección ao consumidor no século XXI".

Na presentación do acto, tras as palabras de benvida a cargo do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, interviñeron o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o alcalde de Sarria, José Antonio García López; o presidente de IURISGAMA, Carlos Lema Devesa e os directores das Xornadas, Ignacio Sierra Gil de la Cuesta e Román García Varela Iglesias.

Ónega, despois de os saúdos e os agradecementos dedicou unhas sentidas frases a Sarria, "vila excelsa que ten a soleira das terras bendicidas por Deus, a categoría das urbes onde a natureza puxo encanto, poesía e paisaxe".

Román García Varela Iglesias, fillo de García Varela, expuxo unha breve historia das xornadas, que por primeira vez se celebrarán sen o seu pai -xustamente cando se cumpre un ano do seu falecemento- e co apoio unánime do Concello, a Deputación e o Foro Xurídico Diego Pazos. Recordou algúns dos relatores, "sempre xuristas de alto nivel e recoñecemento" así como as temáticas tratadas. Este ano con "A protección ao consumidor no século XXI, postúlase como unha grande oportunidade de tratar un tema de máxima actualidade e interese para toda a poboación en xeral".

O maxistrado do Tribunal Supremo Ignacio Sierra Gil de la Cuesta, manifestou a súa satisfacción porque "a obra sobreviviu ao autor, algo do que el estaría moi orgulloso". Os que "padecemos a súa partida prematura, non teremos que esperar Cen anos de Soidade porque a súa obra ten continuidade, coa asistencia das máis altas personalidades do ámbito xurídico".

"Amontóanseme os sentimentos e custame pensar que xa pasou máis dun ano dende que lle entregamos o Premio Montero Ríos, o máximo galardón que outorga IURISGAMA", dixo Carlos Lema Devesa. "Alí dixen que as xornadas de Sarria tiñan nome e faltaballes o apelido e agora con Román García Varela xa o teñen". Sinalou tamén que García Varela "logrou poñer a Sarria no top ten do mundo xurídico, pois a estas xornadas acode o máis granado, mesmo no ámbito internacional,".

Pola súa banda, o alcalde de Sarria, agradeceu en nome de todos os veciños, "que dende o ano 2007, ademais de por ser vila Xacobea, Sarria sexa coñecida tamén polas Xornadas Xurídicas. Sempre teremos unha débeda de gratitude con García Varela quen fose nomeado fillo predilecto de Sarria". Aproveitou a ocasión para estender o convite "tamén aos que non nos coñecen pois estaremos encantados de recibilos", dixo.

A clausura da presentación correu a cargo do presidente do Consello de Estado, Romay Beccaría, quen dedicou unhas cariñosas palabras á familia de García Varela: "estamos convosco e agradecemos o que o puidésemos compartir, querido e apreciado tanto polo seu aspecto profesional como xuíz así coma polo persoal coa súa amizade,". Beccaría sinalou que García Varela logrou o que moi poucos conseguen, "ser profeta na súa terra, algo máis difícil que o Toisón de Ouro". Engadiu ademais que García Varela "gozou dunha vida plena" e rematou dicindo que "a súa gloria perdurará como unha luz e un eco para toda a carreira xudicial".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes