A mostra "Os Adeuses, fotografías de Alberto Martí" estará en Madrid ata final de ano

A exposición é posible gracias a colaboración da Xunta e o Consello da Cultura Galega
Madrid, 3 de decembro de 2013

A exposición “Os adeuses, fotografías de Alberto Martí” abriuse hoxe na Casa de Galicia de Madrid grazas a colaboración da propia Xunta de Galicia e do Consello da Cultura Galega. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a mostra a través da Agadic, e por medio do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI- Filmoteca de Galicia).

A inauguración estivo presidida polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Así, na súa intervención o delegado recordou que "esta exposición está conformada por imaxes que rescatan, para nos, unha parte do noso pasado. Polo tanto, deste xeito, axúdanos a viaxar a aquel momento, que sen dúbida foi duro e difícil pero do que saímos como sempre fixemos os galegos: loitando e con traballo". 

"É unha oportunidade para os veciños de Madrid- onde como todo o mundo sabe tamén hai galegos- para asomarse a esta parte da historia de Galicia, e poderán facelo da man dun artista do fotoxornalismo, ata o 29 deste mes”, afirmou Ónega López durante a súa intervención.

A temática

Unha exposición itinerante composta por 73 imaxes en branco e negro que retratan o éxodo galego a América desde os portos da Coruña e Vigo e o retorno destas persoas durante o período que vai desde o 1957 ata o 1963.

 Unha serie de imaxes de xente anónima que mostran o embarque e desembarque de galegos e dan conta das súas historias como emigrantes cara a terras americanas e o seu retorno a Galicia. A mostra esta dividida nas seccións de “Ida”, “Volta” e ademais conta cun apartado dedicado ao buque Santa María, secuestrado en xaneiro de 1963 polo Directorio Ibérico de Liberación (DIL) durante a ruta Caracas- Lisboa- Vigo.

 Tratase dunha mostra itinerante do Consello da Cultura Galega que  durante o ano 2011 percorreu a xeografía galega e tamén puido ser visitada en Bos Aires. Unha montaxe realizada grazas a colaboración da Xunta de Galicia e os diferentes organismos culturais dos puntos nos que recalou.

 O autor

O fotografo coruñés Alberto Martí é unha figura da fotografía galega, que traballou nunha histórica tenda de fotografía da Coruña e exerceu o fotoxornalismo na Voz de Galicia. Traballos nos que demostrou o seu excelente ollo para retratar a realidade dunha época, polo que foi premiado con galardóns como o Nacional de Periodismo Gráfico.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes