Presentado na Casa de Galicia en Madrid o libro "Claves Líricas" de Valle-Inclán, edición facsímile do orixinal de 1930

O Grupo Editorial Sial-Pigmalión publica, 77 anos despois, a obra revisada e coidadosamente seleccionada polo dramaturgo galego
Madrid, 21 de marzo de 2017

A Casa de Galicia, sede da Delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro Claves Líricas de Valle-Inclán, unha edición facsímile da realizada polo propio autor en 1930 dos tres únicos libros de poemas que xa publicara, aínda que revisados e coidadosamente seleccionados e editados. Sial-Pigmalión publica agora aquela obra, 77 anos despois de ser confeccionada polo propio Valle-Inclán, autor de "Luces de Bohemia", pai do esperpento, e o dramaturgo galego máis internacional.

No acto interviñeron: xunto co coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega-, o catedrático, profesor, crítico literario, poeta e autor do prólogo, Vicente Araguas; o economista, enxeñeiro agrónomo, investigador e especialista en Valle-Inclán, Silvio Martínez; o actor Luís Perezagua; e o presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada.

Para Jiménez, ningunha forma mellor de celebrar o Día Mundial da Poesía (proclamado como tal en París en 1999) e recentemente estreada a primavera, que presentando este libro Claves Líricas, que o propio  Valle preparou para a Compañía Ibero-Americana de Publicacións, e que recolle os tres únicos libros de poemas que o eximio escritor galego publicou: Aromas de leyenda, El pasajero e La pipa de Kif. Valle era un todoterreo da literatura e da vida, que se fumou un puro despois de que o Dr. Barragán lle amputara o brazo esquerdo tras a "absurda disputa tabernícola sobre un duelo cun xornalista armado cun bastón e Valle cunha botella".

A edición realizouse porque Vicente Araguas topouse coa obra orixinal de 1930 "unha xolliña" que proviña dunha "herdanza libresca galaica aínda que sen mofo", cuxa restauración custou bastante porque estaba moi deteriorado e transmitiu a súa fascinación ao editor "valente e que arrisca". Na súa intervención Araguas referiu algunhas anécdotas de Valle pero todo resumiuno nunha expresión: "Inmenso Valle-Inclán en versión orixinal ou facsímile, sempre inmenso".

Para Silvio Martínez, a obra poética de Valle-Inclán vai máis aló destes libros porque escribiu en prosa rimada moitas delas. "A súa prosa é pura poesía aínda que non sexa rimada", dixo e engadiu que "É o mellor escritor español de todos os séculos e toda a súa obra está traspasada pola ironía (galega)".

Para Luís Perezagua, que participou en Amanece que no es poco, "Valle é simplemente xenial". Recitou algúns dos seus versos e destacou algunhas das frases que con plena vixencia chegan ata os nosos días, como "Viva a vagatela"; "Del Celta a la victoria" ou "Voluta de humo, vágula cimera".

Pola súa banda, Basilio Rodríguez Cañada sinalou que esta é a primeira obra dunha longa serie que teñen previsto editar do autor galego, e empezaron pola lírica que "é a menos coñecida pero cuxa influencia alcanza mesmo ata os poetas actuais, galegos e hispanos".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes