Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Notas de prensa

Mostrando o intervalo 51 - 60 de 862 resultados.

Presentado na Delegación da Xunta en Madrid o "21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria"

1. De Esquerda a dereita, Jesús Sanz, Ramón Ares, José Ramón Ónega e Joaquín Estévez.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe a rolda de prensa para presentar e dar a coñecer aos medios, na súa maioría especializados, o "21 Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria", que se celebrará os días 8, 9 e 10 de maio en Santiago de Compostela, onde ten previsto reunir a máis de 2.000 directivos e xestores sanitarios. O encontro, que é bienal, leva nesta ocasión por título "Innovación: camiño da sustentabilidade", dado que "a innovación, -terapéutica, tecnolóxica e en xestión sanitaria-, é o motor que necesita o modelo sanitario para impulsar a súa transformación".

A exposición de fotografía MEXILLÓN DE GALICIA de Xurxo Lobato, na Delegación da Xunta en Madrid no mes de abril

1. De esquerda a dereita, o fotógrafo Xurxo Lobato, o coordinador de Actos da Casa Ramón Jiménez, o pte. do CR Francisco Alcalde e o dr. gral. Ignacio Gandarias, todos cos folletos da exposición.

"MEXILLÓN DE GALICIA" é o título da exposición de fotografía de Xurxo Lobato, inaugurada esta tarde e organizada polo Consello regulador do Mexillón de Galicia co obxectivo de dar a coñecer, en imaxes, este singular molusco cuxa produción en Galicia lidera todos os mercados e que poderá verse na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia durante o mes de abril. A mostra, compóñena preto de medio centenar de fotografías e un audiovisual, ambos realizados polo prestixioso fotógrafo; así como a maqueta dunha batea e un exemplar do premiado libro no que aparecen todas as imaxes. Todo iso forma parte do proxecto da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para dar a coñecer o selo Mexillón de Galicia, que representa garantía de calidade e orixe para o consumidor e que xa visitaron en Galicia preto de cen mil persoas pois puido verse xa no Museo do Pobo Galego (Santiago); Museo do Mar (Vigo); e o Acuario Finisterrae (A Coruña). Agora chega á Casa de Galicia en Madrid, onde estará ata o día 30, coa vocación de seguir un amplo intinerario pola xeografía nacional/internacional para difundir e promocionar este produto tan versátil en torno ao que centos de homes e mulleres foron capaces de crear unha actividade xeradora de riqueza e prosperidade.

Xornada de traballo de enxeñeiros químicos na Casa de Galicia en Madrid

1. O delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, cos investigadores de Biochem, proxecto dirixido pola profesora galega Marta Carballa (primeira pola esquerda).

Un equipo de enxeñeiros químicos de universidades en Santiago, Espoo (Finlandia) e Hamburgo (Alemaña), mantiveron hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia unha xornada de traballo, dentro do proxecto Biochem (Novel biorefinery platform for a driven production of chemicals from low-grade biomass), que coordina a profesora do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Carballa.

A Academia Xacobea celebrou na Delegación da Xunta en Madrid unha sesión solemne na que invistiu como Académica de Número á xornalista Pilar Falcón

Os vicepresidentes da Academia Xacobea, Marcelino Agís e Josefa Sanz, o delegado da Xunta de Galicia, José Ramón Ónega, o presidente da Academia Xacobea, Jesús Palmou, o director do CNI e académico de honra Félix Sanz, a xornalista e académica de número Pilar Falcón, o secretario da Academia, Ulises Bértolo, o xurista e académico de honra Antonio Fernández de Buján, o empresario e académico de honra Enrique Santín, o político Marcelino Orella e o experto en arte e Patrimonio José María Ballester.

A Academia Xacobea, que preside o avogado e político pontevedrés Jesús Palmou, celebrou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia unha sesión solemne na que a xornalista lucense e presidenta do Club de Xornalistas Galegos en Madrid Pilar Falcón Osorio leu o seu discurso de ingreso nela como Académica de Número, que foi respondido polo académico e secretario da Academia Ulises Bértolo, e entregáronse diplomas e medallas aos académicos de Honra tamén investidos no acto: o avogado, político e empresario Enrique Santín, o xurista e catedrático de Dereito Romano Antonio Fernández de Buján, o xeneral e director do Centro Nacional de Intelixencia Félix Sanz Roldán e o funcionario internacional e crítico de arte, experto en Patrimonio, José María Ballester.

A CAMOVI, corre ata Madrid

1. O delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega e a alcaldesa de Viveiro, Marisol Loureiro, coa imaxe icónica da CAMOVI, Ramón Branco, os intervenientes no acto e parte do equipo organizador.

A IX Carreira de Montaña polos montes de Viveiro, CAMOVI, que se celebrará na costeira vila lucense, o día 27 de abril e que conta cun espectacular trazado circular desde o que, prácticamente se pode contemplar o mar en todo momento, presentouse esta mañá na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Son 42 kms de "puro monte galego" aínda que tamén está a posibilidade da CAMOVI 18 K, un trail ma?is curto de 18 quilo?metros para os principiantes e que comparte a última etapa da carreira longa. É unha cita para os amantes deste deporte que se desenvolve nunha contorna privilexiada, chea de atractivos gastronómicos, culturais e turísticos.

Presentada na Delegación da Xunta en Madrid "El último barco", última novela de Domingo Villar, coa asistencia de preto de duascentas persoas

1. De esquerda a dereita, o autor Domingo Villar, a xornalista Susana Santaolalla, a editora Ofelia Grande e o delegado da Xunta José Ramón Ónega.

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación da última novela de Domingo Villar, "El último barco", editada por Siruela, e coa que o autor de "La playa de los ahogados" volve, dez anos despois, co celebrado inspector Leo Caldas, que conta cunha lexión de seguidores. O acto espertou moito interés como o proba o que se achegaron á Casa preto de duascentas persoas e foi preciso habilitar a Sala B para que puidesen seguilo por circuíto interno de televisión. En "El último barco", con máis de 700 páxinas, Caldas investiga a desaparición dunha moza en Vigo, Mónica, a filla do doutor Andrade, que vive en Moaña, un tranquilo pobo alén da ría. A historia desenvólvese en escenarios naturais da zona.

A Casa de Galicia en Madrid, distinguida pola Enxebre Orden da Vieira co Trofeo Galeguidade 2019

O delegado da Xunta, José Ramón Ónega, recibe a distinción de mans do secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda. (Foto: A. Seixas).

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia foi distinguida pola Enxebre Orde da Vieira co Trofeo Galeguidade 2019 a persoa xurídica, que foi recollido o sábado 23 de marzo polo delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, no transcurso do Quincuaxésimo segundo Capítulo Xeral da entidade, que se celebrou durante unha prolongada velada nun coñecido hotel de Madrid. No acto participaron, entre outros, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, que fixo entrega do Trofeo, o presidente da Asociación Cultural da Vieira -soporte xurídico da Enxebre Orde da Vieira-, Enrique Santín, e o seu coordinador, Carlos de Blas, así como os membros do seu Consello; entre os numerosos asistentes achábase o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

 

A edición en castelán de SUEÑOS ELÉCTRICOS de Ramón Caride presentouse na Delegación da Xunta en Madrid

1. De esquerda a dereita, o autor Ramón Caride, Vicente Araguas, Ramón Jiménez, Jesús Manuel Marcos e Basilio Rodríguez Cañada.

"SUEÑOS ELÉCTRICOS" de Ramón Caride, volve aos escaparates, agora en castelán grazas a Sial Pigmalión. A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación en Madrid da nova edición. A novela, escrita en galego no ano 92, fora gañadora do premio Blanco Amor, cando o biólogo, escritor e profesor Caride tiña só 35 anos. En "Sueños eléctricos" o prolífico autor, con obras en diversos xéneros, plasmou un mundo distópico cuxos habitantes están deseñados por expertos en xenética e a crítica considerouna como a novela fundadora da ciencia ficción galega.

Fagama celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia

1. Parte dos asistentes, na tradicional foto de familia.

A Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA) celebrou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa Asemblea Xeral Ordinaria correspondente a 2019, na que aprobou as actividades e orzamentos executados no ano anterior, 2018, e as previsións en ambos apartados para o ano en curso.

A Delegación da Xunta acolle a primeira presentación en Madrid do cómic galego de ambientación medieval "La espada de San Eufrasio"

Na mesa, durante a presentación, os guionistas Manuel López Poy e Pepe Rey, o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, o dibuxante Miguel Fernández e o editor Lorenzo Pascual.

Unha familia de campesiños galegos, desposuída da súa casa e obrigada a fuxir da vinganza dos señores feudais, refúxiase nas recónditas montañas da Serra dos Ancares e para sobrevivir únese a unha cuadrilla de salteadores que actúan no Camiño de Santiago. Na súa loita pola supervivencia cruzaranse coa guerra que libran os poderosos, unha guerra xorda de todos contra todos na que os nobres e a Igrexa dispútanse o poder en terras e riquezas e loitan pola gloria que outorga a posesión dunha misteriosa espada traída de Terra Santa, por un santo home, un cruzado cuxo cadáver xace nunha perdida ermida. Este é o argumento central de "La espada de San Eufrasio", a serie de cómic galega, de ambientación medieval, protagonista do acto celebrado hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia: a presentación, por primeira vez en Madrid, de "La aldea maldita" e "Tierra de lobos", os seus dous primeiros capítulos.

Mostrando o intervalo 51 - 60 de 862 resultados.