Inauguración da exposición de escultura "dous mil dezanove", de MIGUEL COUTO
O escultor Miguel Couto (Malpica, 1971) presenta unha mostra de escultura figurativa, na que dá a coñecer as súas últimas series (en feminino) como o froito dun momento de inspiración. Trátase dun proceso de construción en barro e unha posterior fundición en bronce que veñen ser experiencias maxistrais ao servizo dun resultado estético.
A harmonía dos seus grupos escultóricos caracterizada por unha sinxeleza espontánea poderá contemplarse ata o 28 de xuño, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Miguel Couto é un escultor que traballa co barro, é un modelador. O modelado é o método máis adecuado para un artista intuitivo como Couto, que non necesita debuxo previo porque o traza directamente en tres dimensións. Non hai máis que velo modelar sobre o barro para comprobar como a súa mirada segue con asombro as formas que van emerxendo da materia entre os seus dedos.
Poucos son os escultores que, como Miguel Couto, controlan o proceso completo, desde o modelo en barro ata o molde de cera, a cocción e a fundición a 1200º de temperatura para chegar á peza definitiva en bronce. E seguramente por iso mesmo nas súas esculturas adoita deixar pegadas desta tarefa, inacabados voluntarios que permitan percibir a actividade previa. Así as texturas rudas e as diferentes pátinas conforman neste caso os seus signos de identidade.
Esta maneira de facer permite que nas súas obras prevaleza sempre a forma. Formas orgánicas, suaves, sen arestas que na maioría dos casos serven a figuras humanas en actitudes moi concretas. Figuras que camiñan ou que esperan, nas que destaca un ademán ou postura que as caracteriza e dá sentido. Os títulos, elocuentes, axudan a comprender a intención: "Eu, comigo" é unha figura impoñente recollida cara a adiante, en ensimismamiento.
Pero ademais Couto manexa moi ben a escala, e por iso resolve por igual estas pequenas pezas e as esculturas públicas monumentais, nas que tamén traballa con frecuencia. Estatuas como "Oteando" (Ribeira) ou " Arenero" (Betanzos) son de perfís rotundos, moi definidos e moi válidos para os amplos espazos. Retrata tamén personaxes populares como "Hermelinda" (Ares), unha repartidora de xornais, ou " Ney" (A Coruña), o famoso can da praza de Lugo. "Ás de balea" (Cee) suxire un instante concreto no movemento do cetáceo en síntese xenialmente resolta. Pero ademais, co título, xoga a un dobre sentido que fai voar a imaxinación do espectador.