Inauguración da exposición de pintura "Deus no capitalismo", de JUAN GONZÁLEZ IGLESIAS

Eventos
05/07/2019
05/07/2019
07/05/2019

Inauguración da exposición de pintura "Deus no capitalismo", de JUAN GONZÁLEZ IGLESIAS

-

Juan González Iglesias presenta unha proposta visual, chamativa e provocadora, confusa e á vez nítida. A súa obra, que rompe de forma radical con moitos dos conceptos estrictos da arte convencional, para adentrarse en terreos que van máis alá do plástico, poderá visitarse ata o 31 de maio, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Fillo de nai galega, Juan González Iglesias naceu en Madrid en 1979. Estudou Administración de Empresas e empezou a súa carreira como creativo publicitario, onde conseguiu algúns recoñecementos; continuouna en tendencias de moda, onde conseguiu algúns outros, e, tras un poderoso espertar espiritual, abandonou ditas actividades e dedicouse á arte.

Amante da cultura pop, a súa obra consiste en expresar a visión que lle obsesionaba desde pequeno, a manifestación de Deus dentro do capitalismo moderno. Para o artista, Deus maniféstase a través da Coca Cola, o Red Bull, Marvel, Nintendo, Matutano, Renault, Microsoft e outras cuestións habitualmente consideradas profanas. Foi a través delas como o artista chegou á Iluminación e como cre que lle resultará máis facil chegar ás xeracións posteriores a el.

O artista tenta lembrar que a comuñón con Deus é inevitable por moi cínico que sexa o espectador e por moitos smartphones que haxa.

A súa obra está composta de imaxes nas que poderemos atopar diferentes formas, segundo o día, a hora, a luz, o ángulo de observación e mesmo, indubidablemente, o noso propio estado de ánimo. É toda unha aventura tentar atopar a orde a esas liñas que simulan un, por outra banda, inexistente caos. Perderse nun bulebule de trazos, unha abafadora tormenta de cores sen patrón aparente que se vai definindo, aos poucos, conforme imos afacendo a mirada para distinguir cada detalle.

07 Mayo 2019
Eventos
Imaxes