Presentación da novela "El último barco", de Domingo Villar, editada por Siruela Policiaca

Eventos
03/25/2019
03/25/2019
25/03/2019

Presentación da novela "El último barco", de Domingo Villar, editada por Siruela Policiaca

-

Dez anos despois do éxito indiscutible de "A praia dos afogados", unha novela celebrada internacionalmente, Domingo Villar regresa cunha entrega que rolda as 800 páxinas, "O último barco", publicada por Galaxia en lingua galega e por Siruela en castelán.

Con ela volve o inspector Leo Caldas, un dos personaxes máis aclamados da novela negra do país, cun novo caso no que terá que investigar a desaparición dunha moza en Vigo.

No acto de presentación a xornalista Susana Santaolalla conversará co escritor.

Mónica, a filla do doutor Andrade, vive nunha casa pintada de azul en Moaña, un pobo da ría onde as praias de ondas mansas contrastan co bulicio da outra beira. Alí as mariscadoras rastrillan a area e os mariñeiros lanzan os seus aparellos á auga. Todo parece en calma, pero un martes de novembro, o inspector Leo Caldas recibe a visita do pai de Mónica, quen está alarmado pola desaparición da súa filla. Non se presentou a unha comida familiar o domingo nin acudiu o luns para impartir a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios.

E aínda que en aparencia nada alterou a casa nin a vida de Mónica Andrade, Caldas comprobará que na vida, como no mar, a máis apracible das superficies pode ocultar un fondo de devastadoras correntes.

A trama vai desenvolvéndose a través de diálogos, coñecendo aos personaxes a través deles e non das descricións. O autor propón o xogo intelectual que supón contar unha trama policiaca ao lector. Facerlle participar do que se sabe, non se sabe ou se intúe.

O último barco é un xogo de luces e sombras no que non se sabe onde acaba a realidade e empeza a ficción. Algúns dos protagonistas existen de verdade, os lugares citados como a Escola de Oficios de Vigo está tal cal a pinta Villar, incluso as tabernas e camareiros delas son recoñecibles.

Fiel ao seu estilo, Domingo Villar recréase nas paisaxes e a idiosincrasia galega para mostrarnos un cadro repleto de personaxes secundarios logradísimos.

Domingo Villar (Vigo, 1971) inaugurou con Ollos de auga a exitosa serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. O segundo título, A praia dos afogados, supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra, obtendo excelentes críticas e vendas. En 2019 publícase O último barco, o esperado regreso do inspector Caldas. A serie foi traducida a máis de 15 idiomas e cultivou un gran número de premios, entre os que caben destacar o Novelpol en dúas ocasións, o Antón Losada Diéguez, o Premio Sintagma, o Premio Brigada 21, o Frei Martín Sarmiento, Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia. Tamén foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International no Reino Unido, do premio Lle Point du Polar Européen en Francia e do premio Martin Beck da Academia Sueca de Novela Negra.

25 Marzo 2019
Eventos
Imaxes