Presentación do cómic LA ESPADA DE SAN EUFRASIO, de Pepe Rey, Miguel Fernández e Manuel López Poy, publicado por Diábolo Ediciones

Eventos
03/07/2019
03/07/2019
07/03/2019

Presentación do cómic LA ESPADA DE SAN EUFRASIO, de Pepe Rey, Miguel Fernández e Manuel López Poy, publicado por Diábolo Ediciones

-

"La espada de San Eufrasio. La aldea maldita" é unha historia medieval de loita pola supervivencia dun pobo atrapado entre intrigas políticas, ambicións desmedidas, violencia desatada e sometido a un espolio permanente.

No acto de presentación intervirán, ademais dos tres autores do cómic, Lorenzo Pascual, editor de Diábolo Ediciones.

Galicia, 1464. Nos anos previos á revolta popular irmandiña, os campesiños viven sumidos na miseria mentres os señores feudais expolian o territorio, en conivencia coa Igrexa. Enfrontados nunha guerra xorda de todos contra todos, palacios e conventos son un sementeiro de intrigas, mentres o Camiño de Santiago, outrora un río de diñeiro, está paralizado. Atrapada neste vórtice, unha familia de campesiños é obrigada a enfrontarse á tiranía señorial e mergullarse nunha espiral de violencia para manter o seu xuramento de recuperar a súa casa e vingarse de quen lla arrebatou.

A protagonista desta historia, na que a ficción se mestura cos feitos históricos reais, é a familia de Rosendo, un campesiño ao que arrebatan as súas escasas posesións e obrigan a converterse nun fóra da lei empeñado en manter o seu xuramento de recuperar un día a súa casa e vingarse de quen lla arrebatou.

"La aldea maldita" é o desgarrado e violento inicio dunha serie que narra a loita contra a tiranía, nunha Galicia convertida en escenario das guerras continuas entre os señores feudais, a igrexa e o Rey.

Un país reproducido con afán de fidelidade histórica e espírito de aventura, no que os campesiños se converten en bandidos, onde todos compiten polo control do fluxo de riquezas que viaxa polo Camiño de Santiago.

Unha sociedade que acabará saltando polo aire no terremoto social que supuxo a Revolta Irmandiña, a maior revolta europea de todo o século XV, que dous anos despois arrasará o país de punta a punta, derrubando numerosos castelos feudais e facendo cambalear o poder da nobreza.

Os tres autores trataron de ser precisos e honrados no tratamento dos datos históricos, que son fundamentais para entender o contexto no que se desenvolve a obra. A súa intención non é a de dar unha lección de Historia, senón poñer en pé unha obra de ficción que entreteña e apaixone ao lector.

Destacan os debuxos de Miguel Fernández, que reflicten a dureza da vida nesta época, chea de miseria, abusos e humillacións constantes por parte do señor feudal cara aos seus vasallos,á que hai que engadir unha climatoloxía adversa, moi importante na ambientación e na historia xa que marca o tempo da acción.

07 Marzo 2019
Eventos
Imaxes