Presentación do libro "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea", publicada por Sial Pigmalión, en edición bilingüe de Vicente Araguas
Intervirán no acto de presentación, ademais do coordinador da antoloxía Vicente Araguas, os poetas antologados na obra: Antonio Domínguez Rey, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Pereira e Luz Pichel; e, o presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada.
O Grupo Editorial Sial Pigmalión, que dirixe o poeta Basilio Rodríguez Cañada, vén de publicar este mes de xullo a escolma "La lluvia en el mar. Una antología de poesía gallega contemporánea", baixo a responsabilidade do poeta Vicente Araguas (editor literario). A devandita obra, en edición bilingüe galego / castelán, compila poemas 26 autores da nosa poesía das últimas décadas.
Araguas, ferrolán de Xuvia, explica que a súa «estratexia como antólogo consistiu en botar man de xente que raras veces aparece nas mostras con pretensións canonizadoras». E subliña, ademais, que o libro, que sae á luz en edición bilingüe, tampouco pretende ser «a antoloxía» por antonomasia, senón -e insiste moito niso- «unha antoloxía» máis, algo que brota dunha visión persoal; de aí a clarificadora presenza do artigo indeterminado no seu subtítulo.
Sesenta anos separan a Luz Pozo Garza, a «prima donna» da poesía galega, e a Antía Otero, a máis nova dos antologados. Catro xeracións históricas, pero un concepto da beleza similar. Un sentimento radical que empeza a selo desde a opción idiomática das dúas. E é que escribir en galego segue sendo un paso máis aló, con todo o que iso implica.
26 poetas. Unha cifra que ofrece unha variedade ampla que ilustra e entretén. Aquí hai provisión sentimental, poética da experiencia, irracionalismo, culturalismo (con cultura, ollo), liña clara, dor, ironía, sarcasmo mesmo, volta de folla e tamén un certo sentido do humor que non lle senta mal a ese incerto oficio de vivir que chamamos poesía.