Presentación do libro "Regalo de memoria", de Ghaleb Jaber Ibrahim e Noé Martínez

Eventos
02/15/2012
02/15/2012
15/02/2012

Presentación do libro "Regalo de memoria", de Ghaleb Jaber Ibrahim e Noé Martínez

-

O 15 de febreiro, mércores, ás 20:00 horas, Ghaleb Jaber Ibrahim e Noé Martínez presentan unha novela biográfica “REGALO DE MEMORIA”, editada por Teófilo Ediciones e prologada pola escritora, Maruja Torres.

A obra somerxe ao lector nun relato das vivencias máis persoais e dos recordos de infancia e adolescencia de Ghaleb Jaber Ibrahim. Cunha coidada narración, o autor revive con nostalxia un tempo pasado nun doloroso presente marcado pola terrible enfermidade da súa irmá Karime, que padece Alzheimer, á que dedica este libro.

Primoxénito dunha familia numerosa na Palestina dos anos 50, Ghaleb Jaber Ibrahim séntese en débeda coa súa irmá Karime, o seu alter ego na infancia e o seu gran apoio na adolescencia; o Alzheimer tena atrapada nunha burbulla de olvido que manexa os fíos do día a día da familia desde hai décadas, pero el non se resigna a que ela se vaia disipando no tempo. Nun xesto de amor infinito, Ghaleb Jaber narra para a súa irmá cómo foi a súa vida antes de que a terrible enfermidade a deixase sen presente, sen futuro, pero sobre todo sen pasado. Negándose a aceptar o irremediable, el recrea para ela as pasaxes familiares máis intensas e dos que os dous foron protagonistas, para que na súa inabarcable soidade Karime poida sentir a calor do seu amor incondicional.

Fiel á estrutura creativa da tradición oral árabe, “Regalo de memoria” é unha recompilación de relatos tenros, persoais, descarnados en ocasións pero cheos de verdade e sentimento. Un paseo guiado polos recordos e vivencias dunha familia humilde e traballadora que non desistiu no seu empeño, no seu soño de prosperidade.

“Regalo de memoria” é unha obra escrita conxuntamente por Noe Martínez e Ghaleb Jaber. A escritora ourensá foi a encargada de transcribir todas as historias que Ghaleb lle contou seguindo a tradición oral do seu lugar de orixe, todas as historias que agora aparecen reflectidas no libro.

NOE MARTÍNEZ(Ourense, 1975) apareceu no panorama literario en 2005 cunha obra descarada e de marcado cariz feminino. “Señálame un imbécil y me enamoro” foi a súa ópera prima, á que seguiron cinco máis continuadoras do seu estilo fresco, divertido e xovial, plenas en diálogos deslinguados e actuais que fan da súa literatura un plan de ocio apetecible e áxil. Con “Regalo de memoria”, Noe Martínez desmárcase da novela de ficción abarcando o xénero biográfico.

GHALEB JABER IBRAHIM(Palestina, 1950). Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela; máster en Dirección de Empresas e doutor en Periodismo. Celebrou en 2010 o 25 aniversario da fundación da produtora CTV, unha empresa convertida nunha referencia para o sector audiovisual e que iniciou a súa andaina en 1985. É coñecido tamén pola súa implicación activa na defensa e difusión da causa cultural, política e social palestina, a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, da que é fundador e presidente, da fe delo. É autor dos ensaios “Crónicas de una injusticia” (2002) ou “Génesis de Israel” (2004).

15 Febrero 2012
Eventos