Estrea do documental MÁIS CA VIDA e a curtametraxe VIDA de Rubén Riós nos Cinemas Callao

Actos
09/27/2018
09/27/2018
27/09/2018

Estrea do documental MÁIS CA VIDA e a curtametraxe VIDA de Rubén Riós nos Cinemas Callao

Ambos proxectos mostran a metodoloxía DIMMB que xa conta co apoio da Fundación Once

"Entrañable, emocionante, auténtico...", foron algunhas das palabras que se escoitaron no mes de abril  na Casa de Galicia tras a proxección do pase privado da curtametraxe "Vida" e o documental "Máis ca vida", dirixidos por Rubén Riós e protagonizados por persoas con discapacidade e actores como Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Luís Iglesia, Mariana Carballal... entre outros. Agora, tal como xa nos adiantaron entón, é a PRESENTACIÓN OFICIAL, con maiúsculas. Vai ser o xoves 27 de setembro nos cinemas Callao de Gran Vía e Rubén Riós comunicounos nunha carta moi agarimosa o seu desexo de que desde a Casa de Galicia convidemos a participar do gran momento a cantas persoas amigas da Casa queiran asistir. Dado que as prazas son moi limitadas é imprescindible solicitalo no correo info@claquetacoqueta.com

Rubén Riós, que compaxina a súa faceta de actor, produtor e director, iniciou xunto co seu equipo estes proxectos no ano 2012 pensando en dedicarlles unhos meses, pero o entusiasmo e os resultados obtidos fixeron que o seu labor se convertese nun traballo de longo percorrido, creando a metodoloxía DIMMB pola que xa apostou a Fundación Once nada máis coñecela, para utilizar o cinema como medio de normalización coas persoas con discapacidade.

Rubén Riós é unha persoa moi comprometida con todas as causas nas que pode axudar. En Galicia é moi coñecido polo seu traballo de actor en series como Libro de familia (líder de audiencia durante máis de 10 anos en prime time de TVG), Matalobos ou Urxencias; e en películas como Vilamor e Pradolongo. Desde as súas primeiras aparicións en televisión aproveitou o seu impacto nos medios para axudar ás persoas máis necesitadas difundindo as súas historias e participando activamente en galas e eventos benéficos. Nunha desas colaboracións, en 2011, descubriu o mundo da discapacidade e desde entón non deixou de implicarse, loitando para converter en oportunidade "as múltiples capacidades da discapacidade e que eles mesmos poidan atopalas usando o cinema como ferramenta". A curtametraxe "Vida" e o documental "Máis ca vida", son a proba real deses logros.

Para máis información: https://rubenriosoficial.com/

27 Setembro 2018
Actos
Imaxes