APELH DEU A COÑECER NA CASA DE GALICIA O VOLUME 15 DA GUÍA TURÍSTICO GASTRONÓMICA… E PARA COMER, LUGO

Notas de prensa
01/23/2023
01/23/2023
23/01/2023

APELH DEU A COÑECER NA CASA DE GALICIA O VOLUME 15 DA GUÍA TURÍSTICO GASTRONÓMICA… E PARA COMER, LUGO

Madrid, 23 de xaneiro de 2023.- O director da Casa de Galicia, Juan Serrano, deu a benvida a máis dun centenar de asistentes á presentación do décimo quinto volume da colección de guías turístico-gastronómicas da provincia de Lugo…E paira comer, Lugo, que foi presentado polo seu presidente, Cheché Real. 

Esta nova publicación viaxa este ano polas diferentes localidades da provincia ofrecendo recomendacións de lugares máis ocultos, pero igualmente marabillosos, sen deixar atrás espazos máis coñecidos da natureza, do patrimonio, da cultura e da gastronomía de todos e cada un dos concellos lucenses, sempre pensando na mellor época do ano para visitalos. Así, a primavera, o verán, o outono e o inverno son os catro eixos diferenciadores nos que se subdividiron os 67 concellos de Lugo.

Non falta neste volume, como xa vén sendo habitual, o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a asociación ao longo do ano en toda a provincia, os diversos concursos de tapas, a participación por décimo ano na Volta e o directorio completo con todos os establecementos de hostalaría asociados á Apehl.

Real aproveitou a súa intervención paira lembrar tamén a inminente celebración do Campionato Oficial Hostalaría de España-Tapas e Petiscos 2023. O restaurante Nadela, que levou o primeiro posto do xurado técnico no último Concurso de Tapas de Lugo, será quen nos represente coa tapa Canelón de galo de Mos no seu mollo de asado, castaña de Galicia caramelizada, cogomelos silvestres e aceite de Quiroga”, explicou.

O director da Casa de Galicia, Juan Serrano, agradeceu a Apehl o traballo que leva adiante paira a dinamización do sector hostaleiro e gastronómico da provincia e resaltou da guía a súa intención de desestacionalizar o turismo da provincia, como un destino para todo o ano.


 

23 Xaneiro 2023
Notas de prensa
Imaxes