Quen somos?

Imaxe dun acto celebrado no  interior da Casa de Galicia en MadridA Casa de Galicia é a sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid, e como tal, acolle actividades institucionais do presidente da Xunta de Galicia e dos membros do seu Goberno.

A Casa de Galicia ten encomendado o establecemento de relacións cos axentes dos distintos sectores para o fomento da actividade económica e empresarial e do turismo en Galicia, sempre en coordinación coas distintas consellerías, e nas súas instalacións conta cunha sede da Oficina Económica de Galicia.

A sede institucional da Xunta en Madrid tamén se ocupa da relación coa comunidade galega en Madrid, e as distintas entidades e asociacións galegas establecidas nesta comunidade autónoma.

Un dos piares da actividade da Casa de Galicia é a difusión da lingua e da cultura galegas, coa celebración de cursos, exposicións, relatorios e outro tipo de actividades.

Na Casa de Galicia está situada unha oficina de atención á cidadanía e de rexistro para a presentación de documentación e outros trámites coa Administración.