A Casa de Galicia está situada nun lugar emblemático de Madrid, a poucos metros do Museo do Prado, da Igrexa dos Xerónimos e do Parque do Retiro. Na contorna están tamén os outros museos que completan o triángulo cultural de Madrid: o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza.
O edificio, que acolle a sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid, é un palacete construído entre 1924 e 1926 por encargo do académico Agustín González de Amezúa, que viviu nel ata o seu pasamento en 1956.
O Palacio de Amezúa está situado na confluencia das rúas Casado del Alisal e Moreto. É un edificio de liñas historicistas e carácter ecléctico, cunha mestura de elementos rexionalistas, marcadamente barroco e unha decoración de elementos clásicos. Na súa fachada destaca un impoñente enreixado de ferro forxado.
É a sede da Xunta de Galicia en Madrid desde 1992.