Inauguración da exposición de debuxos "Fortes Feitizos", de MINGOS TEIXEIRA

Eventos
01/11/2022
01/11/2022
11/01/2022

Inauguración da exposición de debuxos "Fortes Feitizos", de MINGOS TEIXEIRA

Mingos Teixeira presenta unha mostra que reúne corenta debuxos realizados con tinta chinesa e grafito. Con esta exposición o artista vigués reinvéntase persoal e artisticamente. A cor cede todo o espazo creativo para que as luces e as sombras pasen a ser os protagonistas das súas composicións sen deixar de manter o estilo persoal de composición e ritmo que caracteriza toda a súa anterior obra. A inauguración terá lugar o próximo 11 de xaneiro e poderá contemplarse ata o día 30 dese mesmo mes, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Artista autodidacta de marcado carácter persoal, obsesionado pola cor e a composición que trata de achegar, desde formulacións investigadoras e existencialistas, novos camiños expresivos e comunicativos da arte. Aínda que a súa obra é eminentemente pictórica, realiza tamén obra fotográfica, cartelismo, ilustración e deseño artístico.

É coñecido polo seu afán de achegar o mundo da arte aos máis novos, mediante publicacións, artigos, conferencias, programas educativos e culturais, etc., actividade esta que o ten levado a foros internacionais da educación artística como o "4th International Congress of Educating Cities" en Chicago , como creador e coordinador do Programa Educativo "Escola e Arte".

Inicia a súa andaina artística no ano 1980 expoñendo no Premio "Francisco de Goya" de Madrid, realizando, desde entón, numerosos proxectos e exposicións. A súa obra está representada nunha ducia de museos e en coleccións públicas e privadas entre as que cabe destacar a Colección Thyssen Bornemisza ou a do Centro Unesco de Porto. Con numerosos premios e mencións como o 1º Premio "Alliance Française", 1º Premio Internacional "Baixo Miño", ou o 2º Premio "Fundación Villabrille".

Exposicións individuais: Madrid, Stuttgart, Ravenna, New York, Lisboa, O Porto, Sevilla, Santiago, Santander, Vitoria, Vigo, A Coruña, Oviedo, Valladolid, Ourense, Pontevedra, Alacante, Xixón, Conca, Valencia, León, Zaragoza, Barcelona, etc.

Obra en: Museo de BB.AA. da Coruña, Museo de BB.AA. de Santander, Museo provincial de Pontevedra, Museo Municipal de Ourense, Museo "Quiñones de León", Museo de Valdepeñas, Museo Provincial Lugo, Museo "F. Fernández del Riego", Colección Thyssen Bornemisza, Fundación "Monte do Gozo", Fundación Villabrille, Fundación "Engeniero Almeida do Porto", Pinacoteca "Caixa Galicia", Pinacoteca "Caixanova", Pinacoteca "Caixa Madrid", Universidade de Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, Xunta de Galicia, e diversas coleccións privadas.
 

 

11 Xaneiro 2022
Eventos
Imaxes