Inauguración da exposición de pintura "A ALEGRÍA DA COR", de José Ramón

Eventos
04/02/2014
04/02/2014
02/04/2014

Inauguración da exposición de pintura "A ALEGRÍA DA COR", de José Ramón

-

José Ramón é un dos mellores artistas plásticos de Galicia. Pintor de sólida formación e dun dominio técnico que estruturou a súa obra, transmite o acento do galego, as súas xentes,  o seu ceo e as súas terras. Pintor realista que foi evolucionando a composicións nas que o xogo de planos son unha parte fundamental da estrutura dos seus cadros e nas que a cor se supedita ao seu gran dominio do debuxo. A súa obra poderá visitarse ata o 29 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

O artista-pintor José Ramón nace na Coruña en 1939, desde neno ten unha clara vocación polo debuxo. Ingresa na Escola de Artes e Oficios Artísticos con solamente 11 anos, alí estuda entre 1951 e 1957 debuxo e pintura, perfeccionando estas ensinanzas coa pintora Lolita Díaz Valiño. Obtén o título de Debuxante en 1965. A pintura e o debuxo serán durante toda a súa vida o medio sustento familiar, José Ramón é un pintor a tempo completo.

Lolita Valiño, Seijo Rubio e Luis Quintas Goyanes dotaron a José Ramón dunha sólida formación e dun dominio técnico que estruturou a súa obra. Falar da pintura de José Ramón é falar de oficio e de profunda honradez profesional. José Ramón é un traballador que dedica moitas horas ao día, practicamente todos os días do ano, a coidar ata o máis mínimo detalle da súa obra.

Estamos ante un pintor sempre realista que foi evolucionando a composicións nas que o xogo de planos son unha parte fundamental da estrutura dos seus cadros e nas que a cor se supedita ao seu gran dominio do debuxo. 

Realiza unha tendencia figurativa e abstracta, fusionando ambos estilos pictóricos con variados temas. Os costumes de Galicia son un lugar de privilexio na súa produción, empregando un gran dinamismo e un colorido extraordinariamente vivo, con diferentes recursos.

Xa en 1962 un crítico de arte escribía sobre a súa obra: "Debuxos, acuarelas e óleos constitúen a obra de José Ramón. Un arte fino, de fonda sensibilidade encomendada a unha man segura, axilísima para o trazo, e a un ollo crítico á hora de captar o motivo e o matiz en que se esconde a beleza".

02 Abril 2014
Eventos
Imaxes