Inauguración da exposición de pintura "Aromas de mar e montaña", de MARNAY
O pintor cántabro Marnay presenta durante o mes de decembro unha colección de óleos, a través dos cales manifesta o seu desexo de deixar, en quen os contemple, a esencia e o aroma persistente das súas paisaxes. A exposición que permanecerá aberta do 2 ao 30 de decembro, pode visitarse en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Trátase dunha exposición chea de serenidade, sensibilidade e harmonía, onde, xogando con suaves tonalidades e infinitos matices, composicións equilibradas e espazos cheos de silencio, o pintor transmite o que ten necesidade de compartir con todo aquel que contemple a súa obra. Non retrata a paisaxe que ten ante os seus ollos, senón que é transmisor da emoción que a el lle produce. Busca o silencio e, non só o atopa, senón que o transmite.
Marnay, de longo percorrido artístico, amplo currículo e unha extraordinaria traxectoria por salas nacionais e internacionais, paseou a súa creatividade por espazos como Arte Expo de Nova York, Alemaña, Bélxica, Suíza, Costa Rica ou Zimbadwe, entre outros moitos lugares.
O artista exprésase dentro dun impresionismo moi peculiar, de sutís modulacións e suaves tonalidades, tendendo a reflectir as impresións máis líricas da paisaxe con especial predilección das paisaxes marítimas e calquera outros nos que a auga resulte protagonista, facendo un tratamento moi persoal de baixamares, praias, areais, nos que, usando cores moi atomizadas, crea unha obra chea de sentimentos.
Penetra, igualmente, noutros temas, camiñando cos seus pinceis entre montañas e nevadas praderías. Co seu pincel busca a soidade do momento, a paz e acougo que o motivo lle proporciona, tratando de transmitir a emoción que aquilo que tiña diante dos seus ollos lle producía, tentando deixar un aroma que permaneza sobre o tema, unha fragrancia que, inhalando profundamente, deixe un resaibo que perdure no noso interior.