Inauguración da exposición de pintura de MARTA CABALEIRO

Eventos
11/07/2012
11/07/2012
07/11/2012

Inauguración da exposición de pintura de MARTA CABALEIRO

-

A obra pictórica desta artista de Porriño afonda no esquema onírico que converte en pautas reais, con  predominio de colores cálidas que logo materializa sobre acrílicos de paisaxes, bodegóns, figuras e efectos meridianos onde brilla a súa fantasía. Imaxinación, color e forza son algunhas das cualidades que definen a súa pintura, a cal poderá contemplarse nesta exposición ata o 30 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Marta Cabaleiro nace en O Porriño. Realiza os seus estudos en Santiago de Compostela, onde tamén leva a cabo o curso "Miradas Arredor da Arte Contemporánea" no CGAC e un curso de fotografía. A súa afición pola pintura lévaa a incorporarse no ano 2002 ao Estudio de BB.AA. Artal de Vigo onde comeza a súa vida profesional.

No ano 2004 inicia os seus estudos de cerámica no Taller de Cerámica de Antón Román Vázquez de Gondomar. No ano 2005 realiza as súas primeiras exposicións, destacando "Maruxía", obra seleccionada no I Certame de pintura "O mundo do mar", organizado pola Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés, con motivo da Volvo Ocean Race e exposta en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. No ano 2007 é novamente seleccionada coa obra "A fraga enmeigada" no II Certame de pintura Arte Xoven Galega organizado polo Ámbito Cultural de El Corte Inglés, exposta en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. No ano 2008 é preseleccionada no II Certame de pintura Arte Xoven Galega e seleccionada no XIII Certamen Arte no Morrazo, Cangas.

No ano 2009 é seleccionada no XIV Certame  Arte no Morrazo, Cangas; e finalista no IV Certame de pintura Arte Nova Galega. No ano 2010 é novamente seleccionada no XV Certame Arte no Morrazo, Cangas; e participa na Open Art Fair, Utrecht, Holanda.

A obra acrílica de Marta Cabaleiro caracterízase pola súa espontaneidade, chea de fantasía e na que se mesturan sentimentos e soños que prenden nunha realidade plena de forza e colorido.

Na pintura de Marta Cabaleiro, os obxectos máis próximos cobran vida en nova xénese; as formas cotiás aíslanse en amable combinatoria. Nos seus cadros o xogo, a elección arbitraria e azarosa do tema, a sintaxe caprichosa do soño onde os obxectos se unen porque si, a sinxeleza cromática e a bondade primixenia da infancia, remiten ás vangardas pictóricas do primeiro tercio do século XX.

A pintura parece querer ver o mundo desde o novo clasicismo dunha vangarda fusionada, onde a técnica puntillística é a máis abundante, aínda que non a única. No seu universo artístico, a pintora de Porriño reconverte os obxectos nun segundo arte naif, renovado sempre con personalidade propia e gran orixinalidade.

Con esa óptica deliberadamente inxenua, vainos mostrando o seu esplendor colorista ao tempo que nos sitúa na inocencia dun novo paraíso. Nese espazo, a pintora vai creando os fondos, punto a punto, en variada gama de presión, de tamaño; as texturas, os contrastes cromáticos, ás veces próximos ao fauvismo; os planos, as liñas, os empastes e as ondulacións do pincel lúdico e libre.

07 Novembro 2012
Eventos