Presentación e rolda de prensa da película "EL CORAZÓN DE EUROPA", do cineasta galego Juan Pinzás

Eventos
05/19/2022
05/19/2022
19/05/2022

Presentación e rolda de prensa da película "EL CORAZÓN DE EUROPA", do cineasta galego Juan Pinzás

Juan Pinzás, director e guionista, e Pilar Sueiro, produtora executiva de Atlántico Films, serán os encargados de presentar a longametraxe con motivo da súa estrea nos cinemas de toda España o día 27 de maio. Filmada baixo os preceptos do decálogo pinzasiano ideado polo propio director para esta triloxía europea, falarán da singular rodaxe da mesma ao longo de dous anos en tempos de pandemia. 

"El corazón de Europa" é a segunda parte da 'triloxía europea' do cineasta galego tras "El vientre de Europa" (2017) presentada tamén na Casa de Galicia en Madrid e con notable éxito.

Esta película segue o mesmo camiño independente, onírico, experimental e persoal dos anteriores traballos de Pinzás. Conta cunha repartición que inclúe ás actrices xermanas Elke Krüger e Katherine Sorel, á española María Villar e ao propio director interpretando a un dos personaxes principais, Julián Pintos. Unha vez máis a paisaxe de Europa e o cosmos feminino teñen prioridade así como o imprevisible e suxestiva.

"El corazón de Europa" é unha produción de Abstracto Films, que conta coa colaboración de Atlántico Films.

Neste segundo volume da ‘triloxía europea’, o personaxe da Máscara de Prata, interpretada por Elke Krüger, volve ter un especial protagonismo e desdóbrase en dúas mulleres, aínda que agora cambia a súa look e verase o seu rostro en diferentes momentos do filme. Pola súa banda, Pinzás asume de novo o personaxe de Julián Pintos, o seu alter ego. Tamén se incorporan novos personaxes como Zaratustra, un filósofo e sabio, ou Xiomara, a filla de Julián, que probablemente nunca chegou a nacer pero que con todo existe, tal vez no subconsciente do autor de “El corazón de Europa”. 

Trátase, en definitiva, dun cinema de estilo transcendental, do subconsciente humano, que transcorre noutras dimensións e que posúe varias capas e diferentes lecturas, nas que o espectador haberá de participar.

19 Maio 2022
Eventos
Imaxes