Actuación do grupo de música tradicional contemporánea Talabarte na Casa de Galicia en Madrid

Notas de prensa
02/16/2012
02/16/2012
16/02/2012

Actuación do grupo de música tradicional contemporánea Talabarte na Casa de Galicia en Madrid

O grupo de música tradicional contemporánea Talabarte, formado por Quim Farinha (violín), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Kin García (contrabaixo) ofreceu hoxe unha actuación musical na Casa de Galicia en Madrid, ante máis dun centenar de persoas que encheron a sala e ás que deleitaron con temas do seu primeiro álbum, que leva o nome do grupo.

  • Editaron o seu primeiro álbum, "un traballo que respira frescura, de factura impecable, cheo de matices e de arranxos imaxinativos"

 

Madrid, 16 de febreiro de 2012. - O grupo de música tradicional contemporánea Talabarte, formado por Quim Farinha (violín), Pedro Pascual (acordeón diatónico) e Kin García (contrabaixo) ofreceu hoxe unha actuación musical na Casa de Galicia en Madrid, ante máis dun centenar de persoas que encheron a sala e ás que deleitaron con temas do seu primeiro álbum, que leva o nome do grupo.

Foi presentado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen resaltou que se trata de "un novo concepto de formación musical" en Galicia, estritamente acústica e baseada na música tradicional contemporánea" así como que neste proxecto se unen tres músicos veteranos e indispensables dentro da escena musical galega: o violín de Quim Farinha (Berrogüetto), o acordeón diatónico de Pedro Pascual (Marful) e o contrabaixo de Kin García (Susana Seivane).

Tamén que este é o seu primeiro álbum e que "se trata dun traballo que respira frescura, de factura impecable, cheo de matices e de arranxos imaxinativos". "O conxunto achega un novo son que os diferencia e os identifica, o son propio de Talabarte no que destaca o virtuosismo dos músicos e a elegancia musical,". apreciou.

Cos seus temas, Talabarte propón unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes. O seu repertorio complétase con composicións propias, todo aliñado con distintos enfoques estéticos que van dende a linguaxe do jazz e do folk, pasando polo tango, ata a tradición musical máis europea.

Os compoñentes do grupo foron explicando ao público as pezas que ofrecían. Como observou Kin García, e se puido comprobar, a formación "incorpora música de todos sitios, pero con esa forma de facer que temos os galegos, que sentimos o tres por catro dunha forma distinta aos demais".

Se quere ver parte da actuación, prema aquí.

16 Febreiro 2012
Notas de prensa
Imaxes