A artista de Ferrol Catalina Lanza expón na Casa "os seus mares"

Notas de prensa
02/06/2012
02/06/2012
06/02/2012

A artista de Ferrol Catalina Lanza expón na Casa "os seus mares"

"Eu pinto porque o meu pai empeñouse  e a él dedícolle estes mares, cando hai só dúas semanas que nos deixou", dixo a artista de Ferrol, Catalina Lanza na inauguración da súa mostra, na Sala B da Casa de Galicia. "Eu empecei a pintar para telo contento porque él viu algo en min, e motivábame comprándome pinceis, óleos, enmarcando os meus cadros, e mira... ".

Para a xornalista Eva Herrero, encargada da presentación, son "uns lenzos nos que Catalina deixou impregnada a súa alma. Unha alma de artista que nunca esqueceu as súas raíces galegas", dixo no acto. "Medrou rodeada de chuvia e de mares e aínda que leva anos fóra da súa terra, séguea evocando en cada nova obra que crea".

 Pola súa banda, o coordinador de actividades Culturais, Ramón Jiménez, aludiu ao completo de paisaxes mariñas que temos hoxe na Casa, "se o outro día, na inauguración da sala A, contigua a esta na que nos encontramos, nos asomamos ao mar das Rías Baixas, Catalina ábrenos agora nos seus cadros verdes e azuis unha ventá ao das Rías Altas, ofrecéndonos neles toda unha secuencia da súa beleza e do seu frescor,".

 A Casa recolle nesta mostra o tema favorito da artista, doutora en Fotografía, os mares. "Mares xurdidos dun só océano que acarician as costas galegas, que a golpean duramente coas súas ondas e que moldean cada unha das súas rochas". Pintar o mar e fotografalo converteuse nunha especie de obsesión ao longo de toda a traxectoria vital de Catalina, afección que xurdiu dende que o seu pai, grande amante da pintura aínda que militar, facía fotos de cada recanto marítimo atopaba e lle pedía, dende nena, que o pintase.

O empeño paterno tivo os seus froitos. De catro irmás, tres pintan. Catalina, é ademais de pintora, profesora de Instituto.

 Case unha vintena de obras, de diferentes formatos, compoñen a mostra da Casa nas que o espectador pode internarse no mar coma se dun zoom se tratase e a autora logra plasmar a transparencia e a profundidade das imaxes reflectidas. Para iso, a artista elixe cores frías que transmiten a serenidade e relaxación que sempre lle suxeriu o mar, o seu múltiple e cambiante mar.

 A mostra poderá visitarse ata o 28 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

06 Febreiro 2012
Notas de prensa