A CASA DE GALICIA ACOLLE NA SALA PRINCIPAL A EXPOSICIÓN “SALITRE” DA PINTORA DE MUROS, AMALIA COSTA
A Casa de Galicia en Madrid acolleu na tarde de onte a inauguración da exposición de Amalia Costa que leva por título “Salitre”.
A pintora, natural de Muros, deu a coñecer unha colección de 12 pezas presentadas baixo un conxunto de paneis de grandes dimensións que basean a súa forza nos seus ‘recordos’ de Muros e no mar como tema central da súa obra pictórica.
Os cadros de Amalia Costa deixan ver, tocar algas e peixes diminutos, cangrexos e cunchas; aboias, redes, barcas, ou os reflexos das ondas. Os recordos da súa infancia en Muros traen aos seus cadros os xeados despois dunha tarde de praia e a salitre que se pega ao corpo despois de bañarse no mar que tanto a atrapa.
Quere expresar sentimentos apoiándose no que coñece, no que sempre está con ela, rodeándoa; tan cerca que ás veces nin sequera reparamos niso.
Amalia Costa cursou estudos na Universidade de Santiago de Compostela. Participou na exposición itinerante da Deputación de A Coruña no ano 2010, Arte na Provincia II. Recibiu o premio Crearche na Universidade, 2016. Participou nas edicións de 2017 e 2018 na mostra de pintura PASEARTE, en Santiago de Compostela. Realizou diversas exposicións, tanto individuais como colectivas, para os concellos de Muros e A Pobra do Caramiñal.
A exposición “Salitre” poderá visitarse na sala Emilio Pardo Bazán da Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 31 de marzo, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.