A Casa de Galicia acolle o acto de nomeamento de isabel Perelló como membro de honra de IURISGAMA
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde o acto de nomeamento da presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Isabel Perelló Doménech, como membro de honra de IURISGAMA, a Asociación de Xuristas Galegos en Madrid.
O acto reuniu na sede institucional da Xunta de Galicia na capital representantes do ámbito xurídico, académico e institucional, encabezados polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos ; e o presidente de IURISGAMA, Carlos Lema Devesa.
Na súa intervención de apertura, Luis Ramos destacou que a Casa de Galicia é “a casa común de Galicia en Madrid”, un espazo ao servizo das institucións galegas, da cultura, da economía e das entidades e colectivos que contribúen a manter vivos os vínculos coa nosa comunidade.
O director da Casa de Galicia felicitou a IURISGAMA pola súa labor en favor do encontro e da proxección dos xuristas galegos na capital e puxo en valor o recoñecemento concedido á presidenta do Tribunal Supremo, ao considerar que supón distinguir “unha traxectoria xurídica e institucional extraordinaria”, culminada co exercicio dunha das máis altas responsabilidades do Estado.
Luis E. Ramos subliñou tamén que carreiras profesionais como a de Isabel Perelló “reforzan a marca Galicia Calidade” e lembrou os lazos que a unen con Galicia, facendo referencia aos seus anos na Coruña e aos seus veráns en Mera, lugares que definiu como parte desa “xeografía sentimental que nunca se abandona”. Así mesmo, deu a benvida á homenaxeada lembrando o recente recoñecemento como Galega do Ano outorgado polo Club de Periodistas Galegos en Madrid.