A Casa de Galicia acolle a presentación da autobiografía da Madre María Antonia de Jesús, fundadora do Carmelo de Santiago

Notas de prensa
05/31/2022
05/31/2022
31/05/2022

A Casa de Galicia acolle a presentación da autobiografía da Madre María Antonia de Jesús, fundadora do Carmelo de Santiago

Onte, luns, tivo lugar a presentación do libro "Madre María Antonia de Jesús, carmelita descalza. Autobiografía, fundadora del Carmelo de Santiago de Compostela (1700-1760)", publicado polo Grupo Editorial Fonte.

O acto foi moderado por Leticia Casans, directora do programa "Monasterios y Conventos", de Radio María que foi a encargada de presentar ao Cardeal Arcebispo Emérito de Madrid, Antonio María Rouco Varela, quen relatou a súa experiencia persoal coas comunidades carmelitas en Santiago e, posteriormente, en Madrid e fixo un breve percorrido pola historia do Carmelo e a súa vinculación nos seus inicios con Santa Teresa de Jesús. 

A continuación tomou a palabra Frei Rafael Pascual Elías, OCD, colaborador da edición, o cal relatou con detalle "o camiño interior e exterior" que tivo que pasar a Madre María Antonia de Jesús para fundar o Carmelo de Santiago.

Grazas a ela pódese coñecer o talante literario e místico desta escritora do XVIII que enriquece cos seus escritos espirituais a xa abundante produción carmelitana de autoras relevantes da segunda xeración posterior a santa Teresa (XVI-XVII). De feito, Madre María Antonia de Jesús fai de elo perfecto na cadea que une esta segunda xeración teresiana coa que virá despois dela, no século XIX.

Constitúe todo un descubrimento esta muller galega, analfabeta ata os 28 anos, que posta a escribir a súa vida e outros tratados de elevado contido místico alcanza os cumes máis perfectos de estilo literario e de experiencia de Deus, só comparables cos grandes reformadores do Carmelo, santa Teresa de Jesús e san Juan da Cruz.

31 Maio 2022
Notas de prensa
Imaxes