A CASA DE GALICIA ACOLLE UNHA HOMENAXE ORGANIZADA POR FAGAMA A REFERENTES GALEGOS EN MADRID

Notas de prensa
01/30/2023
01/30/2023
30/01/2023

A CASA DE GALICIA ACOLLE UNHA HOMENAXE ORGANIZADA POR FAGAMA A REFERENTES GALEGOS EN MADRID

Madrid, 30 de enero de 2023.-O director da Casa  de Galicia, Juan Serrano deu a benvida aos máis de douscentos asistentes ao acto organizado por FAGAMA co que se rendeu homenaxe a José Ramón Ónega, director da Casa de Galicia na capital entre o ano 2009 e 2021; Ovidio Cadenas, presidente da Xuntanza de Galegos en Alcobendas e da Federación de Asociacións Galegas en Madrid (Fagama), e a Miguel Romay, presidente do Centro Galego da Serra de Madrid e vicepresidente de Fagama.   

Serrano estivo acompañado na mesa por Fernando Ónega, Antonio Troncoso, Ana Romay e Andrés Ramos. 

Trátase tres figuras, en palabras de Serrano, “referentes e defensores sen concesións da cultura de Galicia. Tres figuras que ademais das súas características particulares son hoxe recoñecidos por un denominador común a todos eles: Compromiso con Galicia”.

O xornalista e escritor, Fernando Ónega dixo na súa intervención que segue levando o loito na alma despois da morte do seu irmán en febreiro de 2021 por COVID. O xornalista con raíces en Pol (Lugo), afirmou: “foi o meu guía, o meu motivo, e sempre quixen ser como el”.

A continuación interviu Ana Romay, irmá do tamén falecido, Miguel Romay. Nun emotivo recordo, a súa irmá lembrouno como un home intelixente, sensible e agradable. 

O último en recordar aos homenaxeados foi o fiscal do Tribunal Supremo, Antonio Troncoso, que definiu a Ovidio  Cadenas como aquel que sempre gardou fidelidade a Galicia. 

A última das intervencións correu a cargo de Andrés Ramos que coas palabras, “recordo, gratitude e compromiso” condensou o recordo destas tres figuras galegas na capital de España.

O acto pechouse cos asistentes en pé cantando o himno galego que estivo interpretado por uns gaiteiros chegados para a ocasión.


 

30 Xaneiro 2023
Notas de prensa
Imaxes