A Casa de Galicia acolleu a presentación da novela de Luis Mollá “La batalla de las especias. En la muerte de Juan Sebastián Elcano”

Notas de prensa
03/04/2022
03/04/2022
04/03/2022

A Casa de Galicia acolleu a presentación da novela de Luis Mollá “La batalla de las especias. En la muerte de Juan Sebastián Elcano”

Numeroso público asistiu onte, 3 de marzo, á presentación da última novela do Capitán de Navío da Armada, Luis Mollá, publicada pola editorial Almuzara, en cuxas páxinas trata en forma novelada a descoñecida expedición de Juan Sebastián de Elcano e García Jofre de Loaísa, na que se trataba de dar unha segunda volta ao mundo en 1525, cando só transcorreran tres anos da primeira. 

Ao acto de presentación acompañaron ao autor, Manuel Zafra Caramé, tamén Capitán de Navío, e Jesús Navazo, vicesecretario de Presidencia da Xunta de Galicia, quen deu a benvida aos asistentes e seguidamente presentou a Luis Mollá, destacando a súa ampla produción literaria, toda ela de temática relacionada coa historia da navegación española dos séculos XVI a XVIII; e a Manuel Zafra Caramé, do que resaltou a súa ampla experiencia profesional en grandes barcos de vela como o Buque Escola Juan Sebastián Elcano.

Na súa intervención, Manuel Zafra deu a coñecer a ampla e exitosa traxectoria profesional de Luis Mollá “en todos os escenarios: por terra, mar e aire”, así como a súa prolífica produción literaria co mar como pano de fondo, clasificándoa en obras exclusivamente históricas, historias noveladas e novelas puramente ficticias, ademais de dúas biografías dos almirantes Don Álvaro de Bazán e Blas de Lezo.

A continuación, tomou a palabra o autor, que comezou a súa intervención destacando que literariamente esta novela supón a continuación da novela publicada con anterioridade “La flota de las especias”, onde relataba a primeira expedición española ás Molucas, coa que Juan Sebastián Elcano logrou completar a primeira volta ao mundo tras a morte de Fernando de Magallanes en Filipinas. 

En “La batalla de las especias” conta a segunda e última expedición española a este lugar, pero non tanto desde un punto de vista histórico, xa que non dispuxo de excesiva información, senón desde unha parte máis humana, centrada en narrar as experiencias, sentimentos e dureza da mar dos protagonistas. Ao longo da súa intervención, o autor relatou con gran luxo de detalles o devir da devandita expedición, que se iniciou na Coruña e terminou coa morte de Loaísa e Elcano e a chegada ás Molucas de só una das sete naves iniciais.

O autor finalizou o acto dando un adianto da publicación dos seus futuros proxectos literarios: “El relojero de Scapaflow”, unha novela de espías ambientada na Segunda Guerra Mundial e “Detente bala”, aínda en fase de corrección.

04 Marzo 2022
Notas de prensa
Imaxes