A Casa de Galicia en Madrid acolle o documental "Exeria, a primeira peregrina"

Notas de prensa
05/04/2022
05/04/2022
04/05/2022

A Casa de Galicia en Madrid acolle o documental "Exeria, a primeira peregrina"

Con asistencia de numeroso público, presentouse na Casa de Galicia de Madrid o documental televisivo "Exeria, a primeira peregrina" do que é autor e director o xornalista galego Luís Menéndez. En nome da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, vicesecretario da Secretaría Xeral de Presidencia, deu a benvida aos asistentes. Na súa presentación destacou a ampla e exitosa traxectoria profesional no ámbito audiovisual galego de Luís Menéndez así como a súa faceta como xornalista, colaborando en numerosas publicacións de prensa, radio e televisión. 

Seguidamente pasou a palabra ao escritor, analista político internacional e corresponsal en Oriente Medio, Miguel Anxo Murado, que foi o encargado de presentar o acto, resaltando do documental a figura singular de Exeria, unha muller de estirpe noble, que foi a primeira muller procedente de Gallaecia en viaxar a Terra Santa e a primeira en reflectilo por escrito. 

Por último, o director do documental, Luís Menéndez, agradeceu a asistencia de Miguel Anxo Murado a este acto e a súa axuda durante a gravación en Terra Santa, dada a súa experiencia como reporteiro nesa zona tan conflictiva; e explicou os motivos que o levaron a decidir traducir á linguaxe audiovisual esta epopea histórica dunha viaxe extraordinaria, antes do comezo das grandes peregrinacións a Roma, Xerusalém ou Santiago de Compostela. Contou que o documental está baseado nas testemuñas históricas e documentadas que Exeria deixou patentes no seu Itinerarium, manuscrito en latín culto, durante a súa peregrinaxe desde os confíns da Hispania ata a Terra Santa, no século IV.
 
Despois da proxección do documental, feito en galego e cunha duración de 50 minutos, o acto finalizou cunha rolda de preguntas por parte do público asistente. 
 

04 Maio 2022
Notas de prensa
Imaxes