A CASA DE GALICIA EN MADRID ACOLLE A PRESENTACIÓN DA NOVA EDICIÓN DA OBRA PORTUGUESA, “EL PRIMO BASILIO”

Notas de prensa
05/30/2023
05/30/2023
30/05/2023

A CASA DE GALICIA EN MADRID ACOLLE A PRESENTACIÓN DA NOVA EDICIÓN DA OBRA PORTUGUESA, “EL PRIMO BASILIO”

Juan Serrano, director da Casa de Galicia en Madrid, participou na presentación da tradución do libro de José Maria Eça de Queirós, “El primo Basilio”, e cuxa tradución corre a cargo do galego Vicente Araguas.

Araguas, vello coñecido da Casa de Galicia por presentar máis obras na sede da Xunta en Madrid, estivo acompañado pola conselleira cultural da Embaixada portuguesa, Patricia Severino; a directora do Departamento de Estudos Románicos, Franceses, Italianos e Tradución da UCM, Barbara Fraticelli; e o presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, que afirmou que a editorial á que representa, ten como protagonistas a máis dun vinte por cento de escritores galegos.

Patrícia Severino, pola súa banda, puxo en valor o traballo dos tradutores, “grazas aos cales temos acceso a un mundo que nunca coñeceriamos sen o seu oficio”, referíndose así a Araguas, como tradutor da obra de Queirós.

Cando o polifacético profesor Araguas tomou a palabra, catalogou a obra “El primo Basilio” como a nai de todas as batallas, ao reivindicar o papel da muller a través do adulterio, e afirmou que con excepción de Madame Bovary, sen dúbida, tal vez "El primo Basilio", de José Maria Eça de Queirós sexa o cume das novelas de adulterio feminino decimonónicas pola representación fidedigna da dialéctica histórica e do conflito entre clases sociais antagónicas. 

Vicente Araguas, nacido en Santa María de Neda, provincia da Coruña, é doutor en Filoloxía Inglesa, con tese sobre Bob Dylan e o seu mundo poético, o que dalgunha maneira lévanos aos seus antecedentes como cantautor.

Barbara Fraticelli presentou a Vicente Araguas como poeta, narrador, ensaísta e crítico literario; un polifacético intelectual, autor dunha ampla obra en verso e prosa.

En boca de Fraticelli, “Vicente Araguas atreveuse cunha obra moi complicada da literatura portuguesa, e estamos ante a que é sen dúbida, a tradución definitiva”. Segundo a  directora do Departamento de Estudos Románicos, Franceses, Italianos e Tradución da UCM, esta non é unha tradución sen máis, pois trátase dun traballo que sae do taller dun escritor e poeta. “Como crítico literario, introduce a obra, e como poeta, vive o que escribe Queirós”, engadiu Fraticelli.
É dunha obra moi difícil de traducir polo seu realismo, as súas descricións detalladas de lugares e obxectos que xa non existen hoxe en día, e que por tanto, requiren dun castelán só ao alcance do virtuosismo léxico que utiliza Araguas, capaz incluso, de captar o ton irónico do século XIX de Queirós, rematou  Barbara Fraticelli.
 

30 Maio 2023
Notas de prensa
Imaxes