A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do irmandamento entre Cambados e Villanueva de Córdoba
A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do irmandamento entre o Concello de Cambados e o Ayuntamiento de Villanueva de Córdoba para a exaltación da Festa do Albariño de Cambados e da Feria del Jamón de Bellota 100 % Ibérico DOP Los Pedroches, dúas celebracións que poñen en valor a tradición, a calidade e a riqueza gastronómica dos seus territorios.
O acto contou coa participación do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos; do alcalde de Cambados, Samuel Lago; do alcalde de Villanueva de Córdoba, Isaac Reyes; e do presidente da Denominación de Orixe Los Pedroches, Antonio Jesús Torralbo. Durante o encontro, destacouse a importancia de ambas as festas como escaparates dos seus produtos emblemáticos e do traballo dos profesionais que contribúen á súa elaboración e proxección.
O director da Casa de Galicia salientou o valor do albariño da DO Rías Baixas, que representa o esforzo de milleiros de viticultores e conta cunha importante presenza internacional, así como a excelencia do xamón ibérico de Los Pedroches. Neste sentido, subliñou que detrás de ambos os produtos hai moito máis ca gastronomía: paisaxe, tradición, innovación e identidade.
O irmandamento simboliza a unión de dous territorios a través de produtos estreitamente vinculados á súa terra e das celebracións que os promoven. A Festa do Albariño de Cambados e a Feria del Jamón de Bellota 100 % Ibérico DOP Los Pedroches reforzan así os lazos entre Galicia e Andalucía e a difusión do seu patrimonio gastronómico.