A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro "Andrés do Barro, a xénese do pop en galego", de Fernando Fernández Rego

Notas de prensa
06/18/2026
06/18/2026
18/06/2026

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro "Andrés do Barro, a xénese do pop en galego", de Fernando Fernández Rego

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro Andrés do Barro, a xénese do pop en galego, do investigador e divulgador musical Fernando Fernández Rego, unha obra que afonda na vida, na traxectoria artística e na relevancia histórica dun dos grandes referentes da música galega contemporánea. O acto, organizado en colaboración coa Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA), contou coa participación do autor; de Andrea Lapique, filla do cantante; e do músico Manoele de Felisa.

Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, puxo en valor a figura de Andrés do Barro como pioneiro da música pop en lingua galega e como un dos artistas que contribuíu a levar o galego a públicos de toda España a través da música popular. Neste sentido, lembrou o enorme impacto que tivo O Tren, convertida nun auténtico fenómeno musical nos anos setenta e nun dos grandes símbolos da música galega contemporánea.

“A Casa é hoxe máis ca nunca a casa da nosa lingua, da nosa música e da nosa cultura”, sinalou Luis E. Ramos, quen destacou tamén a importancia de iniciativas que permiten recuperar e divulgar a memoria de figuras fundamentais para comprender a evolución da cultura galega nas últimas décadas.

Ao longo da presentación, Fernando Fernández Rego ofreceu unha aproximación á figura de Andrés do Barro e ao proceso de investigación desenvolvido para a elaboración desta publicación, mentres que Andrea Lapique achegou ao público unha visión máis próxima e persoal do artista, contribuíndo a completar o retrato humano e profesional dun músico que deixou unha fonda pegada na historia da música galega.

O acto concluíu cunha intervención musical de Manoele de Felisa, que interpretou algunhas das cancións máis coñecidas de Andrés do Barro, entre elas O Tren, Copriño Xeitoso e Teño Saudade. Esto permitiu aos asistentes revivir parte do repertorio dun artista que abriu camiño á música moderna en galego e que continúa ocupando un lugar destacado na memoria colectiva de Galicia.

18 Xuño 2026
Notas de prensa
Imaxes