A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro "Poden pensar as máquinas?", de Senén Barro
A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do libro Poden pensar as máquinas?, do científico Senén Barro, nun acto no que participaron o director da institución, Luis E. Ramos, o propio autor e o editor da obra, Henrique Alvarellos.
Durante a súa intervención, Ramos destacou a traxectoria de Senén Barro, doutor en Física e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial, así como o seu labor como exreitor da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega de Ciencias, subliñando que “estamos ante unha auténtica autoridade académica no ámbito da intelixencia artificial”.
En relación coa obra presentada, sinalou que Poden pensar as máquinas? constitúe “unha ferramenta útil para as persoas interesadas nesta materia”, á vez que puxo en valor a implicación do editor Henrique Alvarellos no desenvolvemento do libro.
O director quixo tamén compartir cos asistentes un fragmento da obra, no que se invita á reflexión sobre a importancia da lectura e do pensamento crítico: “Non deixe xamais de ler e de pensar, nin permita que lle acurten os tempos para facelo, porque estarán a lle recortar as ás á súa imaxinación”.
Este acto enmárcase no conxunto de actividades que desenvolve a Casa de Galicia en Madrid para reforzar o seu compromiso coa promoción da literatura e da cultura galegas.