A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do libro "Novos ensaios críticos sobre Emilia Pardo Bazán (E unha nova selección de contos)", de Juan Paredes

Notas de prensa
12/15/2021
12/15/2021
15/12/2021

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación do libro "Novos ensaios críticos sobre Emilia Pardo Bazán (E unha nova selección de contos)", de Juan Paredes

Onte, 14 de decembro de 2021, presentouse na Casa de Galicia en Madrid o libro "Nuevos ensayos críticos sobre Emilia Pardo Bazán (Y una nueva selección de cuentos)", de Juan Paredes, publicado polo Grupo Editorial Sial-Pigmalión na súa colección Trivium, Biblioteca de Textos y Ensayo.
O autor, catedrático emérito da Universidade de Granada e especialista en lírica románica medieval, particularmente galego portuguesa, é ademais un investigador da narrativa curta, dentro da literatura románica medieval, e fóra dese ámbito un estudioso dos contos de Emilia Pardo Bazán, xénero no que destacou tamén esta eminente escritora coruñesa da que se cumpre este ano o centenario do seu falecemento.
O acto, ao que deu a benvida o coordinador de Actividades Culturais da Delegación, Ramón Jiménez, contou tamén coa participación do presidente do Grupo Editorial Sial-Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, poeta e escritor; e do destacado medievalista Carlos Alvar. Nas súas palabras iniciais, Jiménez resaltou o vigoroso talento desta muller adiantada ao seu tempo que foi Emilia Pardo Bazán, que “sentou sen acritude as bases do feminismo en España, xunto a Rosalía de Castro e Concepción Arenal”. Así mesmo, lembrou ao público asistente que con este acto ponse o broche final aos actos realizados nesta Casa con motivo do centenario do falecemento da escritora coruñesa, a saber unha mesa redonda en abril na que interviñeron destacados pardobazanistas, e en outubro a presentación da novela "Insolación", editada tamén polo Grupo Editorial Sial-Pigmalión, que incorporaba as ilustracións orixinais de José Cuchy.
A este importante labor de recuperación da escritora referiuse o editor, Basilio Rodríguez Cañada, na súa intervención, mostrándose visiblemente satisfeito. Carlos Alvar, pola súa banda, centrouse máis no aspecto medievalista da escritora, que foi profesora de Literaturas Románicas na Universidade de Madrid, en cátedra que se creou expresamente para ela.
Finalmente, o autor, Juan Paredes, explicou que foi a través da Filoloxía Románica como chegara ata Emilia Pardo Bazán, da que acabou converténdose nun apaixonado estudioso da súa persoa e da súa obra, especialmente dos seus contos, grazas ás súas análises das formas narrativas breves na literatura románica medieval e do conto literario. Nese camiño cara á escritora galega habían influído tamén, notablemente, os seus traballos sobre Alfonso X o Sabio, ao que dedicou outra parte importante da súa actividade investigadora.
De Emilia Pardo Bazán destacou a súa precocidade literaria, sobre a que insistiu, así como no carácter pioneiro desta autora, que anticipou o esperpento e iniciou en España a novela policíaca que xa se estaba cultivando na Inglaterra victoriana.
No libro recolle unha selección dos máis de 500 contos que escribiu e dedica varios ensaios para analizar a estrutura dos seus contos, así como toda a súa produción neste xénero, e un capítulo enteiro ao relato curto durante a Restauración. O título do libro “Nuevps ensayos críticos...” é unha chiscadela á revista Nuevo Teatro Crítico, creada e redactada por ela na súa totalidade, o que avala a enorme capacidade desta muller. A continuación, no animado coloquio que se abriu, contou algunhas anécdotas máis mundanas dela que fixeron as delicias dos asistentes.

15 Decembro 2021
Notas de prensa
Imaxes