A Casa de Galicia en Madrid celebrou o Día das Letras Galegas cunha conferencia de Miro Villar centrada na figura de Florencio Delgado Gurriarán

Notas de prensa
05/05/2022
05/05/2022
05/05/2022

A Casa de Galicia en Madrid celebrou o Día das Letras Galegas cunha conferencia de Miro Villar centrada na figura de Florencio Delgado Gurriarán

Onte, mércores, 4 de maio, a Casa de Galicia en Madrid celebrou, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da UCM, o Día das Letras Galegas coa conferencia do poeta e crítico literario, Miro Villar, titulada "Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano", e coa posterior presentación do número 24 da Revista de Estudos Galegos, Madrygal.

Ao acto asistiron o vicesecretario de Presidencia da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, que deu a benvida aos asistentes en nome da Xunta de Galicia e pasou a presentar ao relator, Miro Villar, destacando a súa extensa obra literaria en galego e o seu profundo coñecemento da obra de Florencio Delgado, poeta nado en Valdeorras en 1903, que tivo que exiliarse en México polas súas ideas galeguistas e republicanas e a quen este ano decidiu dedicarlle a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas.

Seguidamente pasoulle a palabra a Carmen Mejía, doutora en Filoloxía Románica e catedrática de Filoloxía Galega e Portuguesa da UCM ademais de responsable do Centro de Estudos Galegos, que presentou a Miro Villar como un poeta cunha ampla obra consolidada, traducida a unha gran diversidade de idiomas.

Miro Villar comezou a súa alocución sinalando a Florencio Delgado como un dos principais representantes da poesía galega do exilio en México, e destacando o seu gran labor literario e activismo político e cultural, o que constitúe un dos capítulos máis destacados das letras galegas na emigración. Por outra banda sinalou o desexo da Real Academia Galega, a través da súa figura, de querer recuperar as voces do exilio republicano neste país, moi pouco coñecido; e o de homenaxear a Valdeorras, unha terra fronteiriza. Para Miro Villar, Florencio Delgado foi testemuña de varios períodos históricos moi relevantes ao longo do século XX, que influíron de maneira decisiva no seu curta pero intensa actividade literaria, como a época "Nós", momento de esplendor da literatura galega; ou como a Segunda República, época na que se fixo militante do Partido Galeguista, circunstancia que lle obrigou a ter que exiliarse a México durante a ditadura.

Posteriormente, Carmen Mejía acompañada do secretario da Revista de Estudos Galegos. Madrygal, Ricardo Pichel, pasou a presentar o nº 24 da publicación, a última editada en papel, sinalando os artigos tanto literarios como lingüisticos de maior relevancia.

O acto terminou coa participación do poeta Manuel Pereira Valcárcel que recitou un dos poemas que aparecen na revista, "Son bipolar", de María Alonso Alonso, incluído na sección de creación lírica da publicación.

05 Maio 2022
Notas de prensa
Imaxes