A Casa de Galicia en Madrid homenaxea a Mariano Tudela no centenario do seu nacemento
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde o acto final do centenario do nacemento do escritor e xornalista coruñés Mariano Tudela, organizado en colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid (UCM).
Mariano Tudela, nado na Coruña en 1925, foi unha figura destacada do ámbito intelectual e cultural, cunha traxectoria vencellada ao ensino universitario, á reflexión literaria e á divulgación cultural. Ao longo da súa carreira contribuíu ao diálogo entre Galicia e Madrid, mantendo un compromiso constante coa difusión da cultura galega e coa formación de novas xeracións, deixando un legado que segue a ser referencia no ámbito académico e literario.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, destacou que "con actos coma este, a representación institucional da Xunta de Galicia achega a cultura galega a Madrid, unha das misións que temos encomendadas xunto coa promoción da lingua e a proxección económica e turística".
O relatorio tivo lugar no marco da programación cultural da Casa de Galicia, que nestes días acolle tamén a exposición Arte prerrománica en Ourense, procedente do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. O director convidou aos asistentes a completar a xornada cunha visita á mostra, destacando o seu interese como achegamento ao patrimonio histórico e artístico de Galicia.
Para rematar, Ramos fixo referencia tamén aos fitos inmediatos da actividade institucional da Xunta en Madrid, entre eles a próxima posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, orientada á captación de investimento e ao acompañamento de proxectos empresariais, que será a primeira destas características en abrirse fóra das fronteiras da Comunidade Autónoma.