A Casa de Galicia en Madrid inaugura a exposición "Perseguindo a Borraxeira"
A Casa de Galicia en Madrid acolle desde hoxe a exposición Perseguindo a Borraxeira, da fotógrafa Cris Romero. A mostra propón un percorrido visual polo litoral galego a través da néboa, un fenómeno natural profundamente vencellado á identidade paisaxística e cultural de Galicia.
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou durante a inauguración que a obra de Cris Romero “invita a soñar, a viaxar e a descubrir Galicia”, conectando coa vocación da Casa de Galicia de achegar o territorio galego ao público madrileño. Ademais resaltou que a cultura galega ten preto dunha vintena de palabras para referirse á néboa.
A exposición xira arredor da borraxeira, unha néboa baixa e espesa que forma parte do imaxinario colectivo galego e que conta cun amplo léxico propio na lingua galega. A través das imaxes de Cris Romero, complétase unha experiencia sensorial na que fotografía e palabra dialogan, grazas aos textos de Mónica Fernández-Aceytuno e María Lama, que acompañan visualmente o percorrido expositivo.
Perseguindo a Borraxeira amosa a capacidade da autora para capturar atmosferas efémeras e paisaxes cargadas de suxestión, nas que o litoral galego se presenta como un espazo de beleza, misterio e contemplación. A mostra convida a deterse, respirar e observar, propoñendo unha viaxe visual que conecta natureza, emoción e identidade.
A exposición poderá visitarse ata o 27 de febreiro na sala Emilia Pardo Bazán da Casa de Galicia en Madrid, dentro da súa programación cultural aberta ao público.