A Casa de Galicia en Madrid pon en valor a investigación oncolóxica
A Casa de Galicia en Madrid acolleu o acto de entrega da Insignia de Ouro de ASOMEGA 2026 á Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA), nunha xornada que reuniu representantes institucionais e destacados profesionais do ámbito da investigación oncolóxica.
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes, entre os que se atopaban o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño; o presidente de ASOMEGA, Julio Ancochea; e o presidente de ASEICA, Rafael López.
Durante a súa intervención, Ramos agradeceu a ASOMEGA que elixise a sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid para celebrar esta entrega e puxo en valor o talento e a capacidade científica dos profesionais presentes, moitos deles vinculados a Galicia. Neste sentido, destacou que a Casa de Galicia, ademais de ser a representación permanente do Goberno galego na capital, constitúe un altofalante da lingua e da cultura galegas e un escaparate da economía e do turismo da comunidade.
A Insignia de Ouro de ASOMEGA recoñece este ano a traxectoria e a contribución de ASEICA á investigación sobre o cancro. O acto incluíu un coloquio sobre as fortalezas e os desafíos da investigación oncolóxica en España, coa participación de especialistas de referencia neste ámbito.