A Casa de Galicia en Madrid presenta a "1898 - El padre ausente", de Alfonso de Sas Prada
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro 1898 - El padre ausente, do escritor Alfonso de Sas Prada, terceira e última entrega da triloxía literaria iniciada con El cementerio de los ingleses e continuada con Tres imperios, obra presentada tamén nesta institución no ano 2024.
O acto contou coa participación do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos; do autor da obra; e do editor Ángel Jiménez, de Éride Ediciones.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos deu a benvida aos asistentes á sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid, que definiu como “a casa da galeguidade, o autofalante da nosa lingua e da nosa cultura, e o escaparate do noso turismo e da nosa economía”.
O director destacou tamén a traxectoria profesional e vital de Alfonso de Sas Prada, natural de Ourense, subliñando o seu perfil multidisciplinar e a súa capacidade para compaxinar a súa actividade profesional co desenvolvemento dunha extensa obra literaria.
Neste sentido, puxo en valor o peche dunha triloxía de máis de 700 páxinas que percorre distintos contextos históricos e narrativos, consolidando unha proposta literaria iniciada con El cementerio de los ingleses.
Con actividades como esta, a Casa de Galicia en Madrid reafirma o seu compromiso coa difusión da literatura galega e co apoio aos autores vinculados á cultura e á creación contemporánea de Galicia.