A Casa de Galicia en Madrid reivindica a dimensión cultural e histórica do Camiño de Santiago
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a conferencia “Santiago e os seus camiños: Historia, Cultura e Patrimonio”, impartida por Xesús Palmou, nun acto no que tamén participou o presidente da Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA), Horacio Rico.
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou a importancia histórica, cultural e espiritual do Camiño de Santiago, así como o impacto que tivo o Xacobeo na proxección internacional de Galicia.
Neste sentido, lembrou que “o primeiro Xacobeo, el Xacobeo 93, marcou un antes e un despois na historia do Camiño de Santiago”, poñendo en valor a aposta realizada pola Xunta de Galicia para impulsar e difundir un patrimonio cultural e espiritual con séculos de historia.
Luis E. Ramos referiuse tamén aos preparativos do vindeiro Xacobeo 2027, subliñando que o goberno galego xa traballa na organización dunha nova edición que volverá converter a comunidade nun referente internacional da cultura, do turismo e da peregrinación.
O director destacou ademais o crecemento constante das rutas xacobeas, facendo referencia aos últimos datos da Oficina do Peregrino, segundo os cales máis de 105.000 peregrinos recolleron xa a compostela no que vai de ano, superando as cifras do mesmo período do ano anterior. Así mesmo, sinalou o marcado carácter internacional do Camiño, cun 67 % de peregrinos procedentes do estranxeiro, entre eles máis de 8.000 chegados desde Estados Unidos.
O relatorio de Xesús Palmou permitiu realizar un percorrido pola historia dos distintos itinerarios xacobeos e afondar na súa riqueza patrimonial e simbólica. O presidente de honra da Academia Xacobea é unha das figuras máis vinculadas ao desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago nas últimas décadas.
Con iniciativas como esta, a Casa de Galicia en Madrid reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura galega e coa promoción do fenómeno xacobeo na capital de España, especialmente na antesala do Ano Santo Compostelán 2027.