A Casa de Galicia presenta o documental "O principio do mundo de Julio Camba", de Aser Álvarez

Notas de prensa
03/01/2022
03/01/2022
01/03/2022

A Casa de Galicia presenta o documental "O principio do mundo de Julio Camba", de Aser Álvarez

Onte, luns, 28 de febreiro, a Casa de Galicia en Madrid presentou o documental "O principio do mundo de Julio Camba", dirixido e escrito por Aser Álvarez en colaboración co Consello da Cultura Galega, con motivo da celebración do 60º aniversario do falecemento dun dos xornalistas máis relevantes da primeira metade do século XX.

Este documental inaugura o "Ano de Julio Camba en Madrid" e pretende ser o primeiro das diversas homenaxes que se van realizar ao longo deste ano en recordo e recoñecemento á figura do xornalista natural de Vilagarcía de Arousa. 

Ao acto de presentación asistiron o director do documental, Aser Álvarez, que estivo acompañado polo investigador e experto en Julio Camba, Carlos Lapeña. O vicesecretario de Presidencia da Xunta de Galicia, Jesús Navazo, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes e comezou a súa intervención destacando a importante traxectoria da produtora galega Arraianos Produccións, dedicada á "produción de documentais, comisariado de exposicións e edición de libros, todos eles dentro do ámbito da cultura e historia galegas". A continuación, deu paso aos intervenientes, destacando a razón que motivou a Aser Álvarez para a realización do documental, que é "poñer en valor a etapa inicial dun dos mellores xornalistas españois da primeira metade do século XX, e que aínda non tivo o recoñecemento que merece"; e avanzando a emisión durante o acto de dous podcast da serie realizados por Carlos Lapeña.

Seguidamente tomou a palabra o director do documental, Aser Álvarez, quen contou que a primeira vez que entrou en contacto coa figura de Julio Camba foi a través dun profesor de universidade en Madrid nos anos 90 cando lle regalou algúns libros e cuxa lectura lle deixou fascinado empuxándolle, a partir dese momento e de maneira obsesiva, a seguir coñecéndoo. Este coñecemento profundo sobre a súa vida e traxectoria é o que o motivou para a realización do documental, "unha curtametraxe de aproximadamente vinte minutos, onde vemos o máis descoñecido da vida de Julio Camba", as súas experiencias da infancia e a mocidade que marcarán o seu carácter e personalidade. Durante a súa intervención Aser Álvarez destacou que, a pesar de ser un personaxe descoñecido para a maioría, é un xornalista moi reivindicado e admirado pola profesión pola modernidade dos seus artigos e a precisión e axilidade na súa prosa.

Despois da emisión da curtametraxe tomou a palabra Carlos Lapeña, experto en Julio Camba, que destacou a vertente política do xornalista, as súas ideas anarquistas, que nunca abandonou, aínda que si se afastou da súa organización, e dos seus sentimentos republicanos aos cales tamén renunciou pola decepción que lle supuxo que non lle ofrecesen o posto de embaixador para o que estaba sobradamente preparado. Tras a súa intervención, o acto finalizou coa emisión de dous podcasts realizados por Carlos Lapeña inspirados en momentos decisivos nesa primeira etapa da vida de Julio Camba.
 

01 Marzo 2022
Notas de prensa
Imaxes