A Casa de Galicia retoma a súa actividade cultural coa exposición de pintura "Unha viaxe pola cor", de Leopoldo Varela

Notas de prensa
05/07/2021
05/07/2021
07/05/2021

A Casa de Galicia retoma a súa actividade cultural coa exposición de pintura "Unha viaxe pola cor", de Leopoldo Varela

A Delegación da Xunta en Madrid / Casa de Galicia inaugurou onte nas súas Salas a exposición de pintura “UNHA VIAXE POLA COR”, do artista Leopoldo Fernández Varela, de nome artístico Leopoldo Varela, nacido en Porriño en 1929 de pais vigueses e falecido en Vigo en 2007. Ao acto, con limitación de aforo polo covid, asistiron a súa viúva e os seus fillos, entre outros membros da familia. Esta exposición estaba inicialmente prevista para o mes de abril do ano pasado, pero houbo de suspenderse pola pandemia. Agora, no afán de retomar gradualmente as actividades aprazadas, é a primeira mostra de arte que a Casa de Galicia en Madrid celebra tras un período de 13 meses sen exposicións temporais abertas ao público.

A todo isto referiuse nas palabras que pronunciou no acto inaugural o Coordinador de Actividades da Delegación, Ramón Jiménez, quen fixo un breve repaso da traxectoria artística deste pintor, un verdadeiro poeta da paisaxe que da acuarela pasou ao óleo e do impresionismo ao expresionismo, e que nos seus últimos anos interesábase sobre todo pola materia, a luz e a cor, sendo o carmín o preferido da súa paleta. A exposición componse de 35 obras -32 óleos e 3 acuarelas-, nas que predominan as paisaxes, os bodegóns e as mariñas. Expresou o seu desexo o coordinador de que esta exhibición, “que nos acompañará durante un bo treito da primavera, ata o 29 de maio, sexa o preludio tamén do retorno á vida de tantas ilusións que, en todos os ámbitos, debemos postergar durante un tempo que se nos antollou insoportablemente longo”.

Por último, tomou a palabra o fillo do artista, Leopoldo Fernández, quen ampliou a información sobre a vida e a obra do pintor, e contou zumentas anécdotas do seu proceso creativo.

07 Maio 2021
Notas de prensa
Imaxes