A Casa de Galicia reúne ao tecido empresarial para abordar os retos da internacionalización

Notas de prensa
10/02/2026
10/02/2026
02/10/2026

A Casa de Galicia reúne ao tecido empresarial para abordar os retos da internacionalización

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde o Encontro Internacionalización e Competitividade Empresarial, unha xornada destinada a analizar os retos e oportunidades aos que se enfrontan as empresas galegas nun escenario económico internacional cada vez máis complexo e cambiante.

O encontro, organizado por Grupo Isonor e AEGAMA, coa colaboración da Xunta de Galicia, reuniu empresas e expertos arredor da internacionalización como unha decisión que abrangue non só o ámbito comercial, senón tamén aspectos como a estratexia, o financiamento, a tecnoloxía, o talento, a xestión dos riscos e a capacidade de adaptación a novos mercados.

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes e conducir o desenvolvemento da xornada. Durante a súa intervención, destacou a capacidade das empresas galegas para afrontar novos retos e seguir medrando nos mercados internacionais, cunha mensaxe que resumiu nunha frase: «Mentres a xente discute se os galegos subimos ou baixamos, nós avanzamos».

A primeira parte do encontro contou coa intervención de Covadonga Toca Carús, directora xeral do Igape, que abordou o impulso á internacionalización das empresas galegas.

A continuación, David de Miguel, economista e experto en empresa, innovación e emprendemento, ofreceu a ponencia O novo mapa económico internacional: oportunidades e ameazas no actual contexto xeopolítico, achegando unha visión sobre o escenario internacional no que deben desenvolverse actualmente as empresas.

A xornada continuou cunha mesa estratéxica sobre experiencias de internacionalización, moderada por Luis E. Ramos, na que participaron representantes de Grupo Isonor, ABANCA, Grant Thornton e Hitachi Vantara.

O debate permitiu abordar desde diferentes perspectivas cuestións relacionadas co crecemento e a expansión empresarial, a preparación financeira para saír ao exterior, o asesoramento estratéxico, a tecnoloxía e a xestión dos datos, así como as principais barreiras que poden atopar as empresas á hora de internacionalizarse.

Entre os temas tratados estiveron tamén a importancia das alianzas e dos socios locais, a adaptación dos modelos de negocio a novos territorios, a financiación, a transformación tecnolóxica, a ciberseguridade e a necesidade de reforzar as capacidades internas das organizacións para competir en mercados internacionais.

O encontro pechouse cun espazo de diálogo e intercambio entre os asistentes, co obxectivo de compartir experiencias e extraer aprendizaxes útiles para as empresas galegas que xa están presentes no exterior ou que se atopan no proceso de dar o salto a novos mercados.

A celebración desta xornada na Casa de Galicia en Madrid reforza o papel da institución como espazo de encontro para a empresa galega e punto de conexión entre Galicia e os diferentes ámbitos económicos e empresariais presentes na capital de España.

02 Outubro 2026
Notas de prensa
Imaxes