CONDE DESTACA QUE GALICIA ACHEGA EXPERIENCIA E ESTABILIDADE PARA CONTRIBUÍR Á RECUPERACIÓN E AO CRECEMENTO ECONÓMICO

Notas de prensa
10/04/2022
10/04/2022
04/10/2022
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu no foro Los almuerzos de Aegama, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid

CONDE DESTACA QUE GALICIA ACHEGA EXPERIENCIA E ESTABILIDADE PARA CONTRIBUÍR Á RECUPERACIÓN E AO CRECEMENTO ECONÓMICO

  • Avanza que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano, ademais de recoller novas medidas fiscais, van incluír o maior investimento público da historia de Galicia en materia de enerxía.
  • Apunta que é o momento de apostar polas enerxías renovables como está a facer Galicia, vinculadas á industria e ás novas formas de consumo, como as primeiras comunidades enerxéticas empresariais. 
  • Reclama ao Goberno certezas e axilidade na xestión dos fondos europeos para que as principais iniciativas coas que Galicia opta a estas axudas saian beneficiadas.

Madrid, 4 de outubro de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou onte que Galicia quere contribuír a impulsar a recuperación e o crecemento económico achegando experiencia, talento e estabilidade. 

Durante a súa intervención no foro Os xantares de Aegama, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, e que contou coa presenza do director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, Conde destacou o traballo da Xunta por acompañar as necesidades das familias e do tecido empresarial nun contexto marcado pola elevada inflación e o prezo eléctrico onde é fundamental, dixo, xerar certezas. Nese sentido, lembrou que os Orzamentos da Xunta para o próximo ano, ademais de recoller novas medidas fiscais como a deflación do IRPF para as rendas menores de 35.000 euros, van incluír o maior investimento público da historia de Galicia en materia de enerxía, duplicando os fondos destinados a aforro e eficiencia enerxética de 40 a 80M€.

O vicepresidente económico destacou que é o momento de apostar polas enerxías renovables como está a facer Galicia: vinculadas á industria (hidróxeno verde, almacenamento ou eólica mariña) e ás novas formas de consumo, como as primeiras comunidades enerxéticas empresariais. Segundo dixo, a sustentabilidade é clave para transformar o modelo produtivo, do mesmo xeito que a innovación e a dixitalización; as tres patas da candidatura galega aos fondos Next Generation.

Ao respecto, Conde referiuse, en concreto, a varios proxectos que fan de Galicia un caso de éxito en materia de innovación. Por unha banda, o Polo Aeroespacial, que vai contar cun investimento público-privado de 283M€ ata 2026 e con novos socios estratéxicos da Xunta neste proxecto que son Airbus, Babcock e Telespazio. E, por outro, no sector biotecnolóxico, destacou a aposta do Grupo Indukern e a futura planta que vai instalar en Monforte de Lemos (Lugo), ou as novas iniciativas de Zendal no Porriño. 
O vicepresidente confiou en que estes proxectos teñan un papel protagonista no Perte Aeroespacial e no Perte de Saúde de Vangarda. E, nesta liña, volveu reclamar ao Goberno certezas e axilidade na xestión dos fondos europeos para que as principais iniciativas coas que Galicia opta a estes fondos saian beneficiadas. É o caso dos proxectos de Stellantis, Showa Denko, Reganosa e EDP, Ence, Altri ou a planta de xeración de biometano a partir de residuos gandeiros que proxectan Reganosa, Repsol e Naturgy. 

Conde subliñou a aposta de Galicia por fomentar a colaboración público-privada con instrumentos como a Sociedade Impulsa, a lei de simplificación administrativa e a de áreas empresariais, ou a Oficina Galicia Empresa. E concluíu avogando polo diálogo e a cogobernanza do Goberno coas comunidades autónomas para alcanzar unha xestión eficiente dos fondos europeos. 

04 Outubro 2022
Notas de prensa
Imaxes