"Deus no capitalismo", exposición de Juan González Iglesias, na Delegación da Xunta en Madrid, no mes de maio

Notas de prensa
05/07/2019
05/07/2019
07/05/2019

"Deus no capitalismo", exposición de Juan González Iglesias, na Delegación da Xunta en Madrid, no mes de maio

"Deus no capitalismo", é o título da exposición de pintura que poderá verse durante o mes de maio na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, do artista de ascendencia galega Juan González Iglesias cuxa obra rompe, de forma radical, cos estritos conceptos da arte convencional e adéntrase en terreos que van máis aló da plástica.

No acto de inauguración participaron o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez Pérez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López-; o historiador e comisario de exposicións, Ricardo Hernández Ortega; e o propio autor, Juan González Iglesias.

Jiménez destacou nas súas palabras que, tal e como o catalogo recolle, González Iglesias estudou Administración de Empresas e empezou a súa carreira artística como creativo publicitario pero "tras un poderoso espertar espiritual, dedicouse á arte por completo". En concreto, creou os cadros que forman parte desta exposición, e "nos que pretendeu expresar -e eu creo que con éxito- a visión que lle obsesionaba desde pequeno, é dicir a manifestación de Deus dentro do capitalismo moderno, pois para él Deus maniféstase tanto na Coca-Cola como nas patacas Matutano". Para Jiménez, "creo que acerta o noso artista convidado cando di isto, e trasládanos o seu pensamento de que Deus aproveita calquera circunstancia para aparecérsenos, e nisto coincide coa gran mística Santa Teresa de Ávila, que dicía -como é ben sabido- que Deus estaba tamén entre os pucheiros". Subliñou tamén que ademais de apelidarse Iglesias, "a algo tan importante para a actividade artística como é a firma, el engadiu o sinal da cruz, e no seu currículo conta cun curso de Milagres". As obras realizadas en gran parte con rotulador, "a min lémbranme aos grafitis e ao cómics, e, poñéndome máis pomposo, ás inscricións de misteriosas civilizacións antigas", dixo.

Para Ricardo Hernández Ortega, esta exposición bríndanos a oportunidade de descubrir a un autor "sorprendente na súa ousadía, diferente en canto a técnica, abafador na aparente inconexión dos seus trazos, asombroso no que respecta a contidos, inquietante no que a visión dos seus cadros esperta no espectador". Hernández sinala que se trata dun conxunto de "delirantes obras, hipnóticas" e que "no seu mesmo desenvolvemento, adivíñase unha creatividade que emana do interior dunha mente inquieta, preocupada por tentar dar saída a sensacións, sentimentos e ideas que resulta difícil poder definir con palabras; conceptos que o artista necesita limitar, baixo o risco de caer presa dun estado de constante reflexión. Unha obra pictórica inquietante e densa, dominada por un impulso que non fai concesión algunha ao posible brote dun horror vacui imposible". Ademais, que "resulta complexo tentar meterse na mente dun artista, e iso é precisamente o que o autor convida a descubrir coa súa obra, un fío-guía que nos conduce cara ao interior da súa mente, cara ás súas sensacións, os seus pensamentos, as súas inquietudes. O bo, e á vez complicado de Juan Iglesias, é que as súas obras están repletas de fíos dos que tirar, de carreiros que percorrer, en busca dunha, tal vez incognoscible, razón detrás de cada trazo. Contemplar as súas obras é iniciar unha viaxe errática cara á súa máis recóndita expresividade, un periplo para o cal moi posiblemente non exista un destino final".

Pola súa banda, para Juan González Iglesias, "o obxectivo da obra é sinalar os sitios, a música, a cor, o ton no que pode acharse Deus na sociedade actual, que todos sabemos que se vive dunha maneira un pouco errática". Segundo o artista, "contrariamente ás formas nas que se representa Deus habitualmente, hoxe probablemente se manifeste en lugares máis people friendly, en vez de en imaxes clásicas". Así que para el, "a idea é representar un pouco ese universo no que probablemente vive Deus na nosa sociedade".

Explicou que normalmente usa rotulador sobre lenzo (os marca Posca), aínda que ao principio usaba todos os materiais que tiña a man: óleo, acrílico, pastel, Tipp-Ex, Eddings, Carioca, cola de pegar, pintura de parede… Tamén "duchaba" os cadros con auga a presión para quitar capas débiles de pintura e logo volvía pintar encima. "Todo foi confluíndo cara aos rotuladores Posca e agora mesmo é o único que uso", aclarou, e tamén que ao primeiro os cadros eran de cores vivas pero logo acabábaos ensombrecendo. Mentres que agora deixa a cor viva e adórnaa "con símbolos que teñan certo interese para que sexa menos aburrido".

A súa inspiración principal atópaa en Deus, Cristo, a relixión, os santos, a Virxe… Daquela todo iso recúbreo pola "inspiración pop contemporánea, Internet, videoxogos, tecnoloxía retro, consolas, cintas VHS, Laser Disc, formatos de vídeo fracasados, Youtube, Cash Converters… Esas poderiamos dicir que son as miñas influencias".

Para o artista, o seu proceso creativo teno integrado na súa vida: "cando me angustio un pouco é cando me apetece traballar. Vomito todo o que teña que vomitar da maneira máis fermosa que se me ocorra e seguimos andando".

En relación á Galicia da súa nai, filla de garda civil, a súa infancia está moi marcada polos diferentes destinos do seu pai. Naceu en Rivadavia en pleno barrio xudeu, viviu en Allariz do que aínda hoxe di lembrar o aroma da fábrica de chocolate e os amendoados, e o seu primeiro colexio de párvulos. A súa infancia e mocidade entre Moaña, Vilagarcía e Sanxenxo, os seus estudos nas Calasancjas en Pontevedra e logo xa a carreira de Dereito en Santiago de Compostela.

A mostra "Deuos no capitalismo" de Juan González Iglesias poderá visitarse nas Salas A e B da Casa de Galicia ata o 31 de maio, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os laborables. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

07 Maio 2019
Notas de prensa
Imaxes