DOUS CENTROS EDUCATIVOS GALEGOS PREMIADOS NA XII EDICIÓN DO PREMIO NACIONAL DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE E A CIDADANÍA GLOBAL “VICENTE FERRER”

Notas de prensa
12/19/2022
12/19/2022
19/12/2022

DOUS CENTROS EDUCATIVOS GALEGOS PREMIADOS NA XII EDICIÓN DO PREMIO NACIONAL DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE E A CIDADANÍA GLOBAL “VICENTE FERRER”

Madrid, 18 de decembro  de 2022.- A Casa de Galicia en Madrid fíxose presente na décimo segunda edición do Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento «Vicente Ferrer» en centros docentes sostidos con fondos públicos correspondentes ao ano 2022.

O premio estaba destinado a recoñecer a aqueles centros educativos que durante os cursos 2020- 2021 e 2021- 2022 desenvolvesen accións, experiencias educativas, proxectos ou propostas pedagóxicas destinados a sensibilizar, concienciar, desenvolver o espírito crítico e fomentar a participación activa do alumnado na consecución dunha cidadanía global, solidaria, comprometida coa Axenda 2030, a erradicación da pobreza e as súas causas e o desenvolvemento humano e sustentable.

O CPR Plurilingüe  Escravas SCJ da Coruña co proxecto chamado, Axenda 2021, e o centro CEIP Sacra Familia da Coruña co proxecto chamado, Un libro en branco obtiveron senllos galardóns, demostrando que a educación galega, como en tantas outras disciplinas goza de boa saúde e preocúpase pola innovación.

O premio consiste nun diploma acreditativo ao centro educativo e na participación dos docentes nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en Educación para a cidadanía global e o desenvolvemento sustentable, que cada ano ten lugar nun dos países nos que a cooperación española desempeña o seu labor.

Nesta ocasión, o seminario levouse a cabo esta semana en Valsaín (Segovia) en colaboración co Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM) e coa participación virtual da Oficina Técnica de Cooperación da AECID en Costa Rica e a UNESCO en Costa Rica.

A Casa de Galicia trasladou a través do seu director, Juan Serrano, as felicitacións a alumnos e profesores polo traballo realizado, e que lles levou a conseguir este recoñecemento. Os quince centros premiados proceden da Coruña, Ávila, Navarra, Valladolid, Alacante, Albacete, As Palmas, Madrid, Santander, Tenerife e Valencia .

19 Decembro 2022
Notas de prensa
Imaxes