A exposición de pintura "EVOCACIÓNS" de Victoria Ramírez Escudero, na Delegación da Xunta en Madrid no mes de xuño

Notas de prensa
06/04/2019
06/04/2019
04/06/2019

A exposición de pintura "EVOCACIÓNS" de Victoria Ramírez Escudero, na Delegación da Xunta en Madrid no mes de xuño

Monumentos e lugares emblemáticos da Coruña, Madrid, Eivissa ou Venecia, xunto con escenas de mar e bodegóns compoñen a maior parte da exposición de pintura "Evocacións" da artista coruñesa afincada en Madrid, Victoria Ramírez Escudero e que poderá verse na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia durante todo o mes de xuño. Unha obra elegante, equilibrada e que busca a beleza grazas á súa depurada técnica ao óleo, que se reflicte nun perfecto dominio da cor e o uso da luz, achegando lirismo ás súas composicións.

No acto de inauguración interviñeron, ademais da autora, o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, -que o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega- e a tamén pintora, Blanca Muñoz de Baena.

Jiménez lembrou nas súas palabras a longa e amplamente premiada traxectoria de Victoria Ramírez Escudero, "unha pintora que xa nos visitou en febreiro do ano 2003 e que volve agora con renovados bríos e novas exquisiteces, confirmando sobradamente con estas novas obras a excelencia do seu traballo pictórico". A artista deixa traslucir as escenas que "gustan antes mesmo de achegarse a elas, pois xa de lonxe percibimos a atmosfera que ineludiblemente vai atraparnos, con esa mestría que só dá a capacidade avalada por unha vocación inmensa -que se traduce en traballo- e nos seduce desde a distancia". E de preto, "a esa obra, a ese cadro que brota infinito desde a aparencia do seu limitado espazo, que é a paradoxa da arte, empezamos a apreciar a beleza, a sensibilidade posta alí pola artista, reflexo da súa propia, o equilibrio da súa alma, vertido así mesmo no cadro coa alquimia do pincel convertido en variña máxica". O coordinador destacou "a elegancia e a sensación marabillosa procedente da sinxeleza cotiá da vida: os preciosos bodegóns, as escenas acuáticas, xa sexan de Venecia ou dos portos marítimos que con tanta solvencia aprehende e traslada ao lenzo. Por non falar das apracibles paisaxes urbanas ou dos seus nenos na praia, que irremisiblemente nos conducen a Sorolla, aínda que ela lógraas mediante o debuxo, a diferenza do mestre, que as consegue a través da mancha".

A presentadora da mostra, a tamén pintora e licenciada en Belas Artes, Blanca Muñoz de Baena destacou que Victoria é un dos máis claros exemplos que coñeceu que reflicte o espírito dunha persoa "nova coa forza da experiencia", e con mente aberta, tan fundamental para abordar calquera faceta creativa e especialmente no arte de pintar. Para Muñoz de Baena, "é determinante a actitude ante o cadro, a disposición de todas as nosas enerxías para establecer un diálogo co lenzo e a plástica, co convencemento profundo de gañar a batalla e a loita por expresar os sentimentos, toda a nosa sensibilidade e a visión ante a nosa contorna e o mundo que nos rodea e nos chega ao corazón". En relación ao estilo, subliñou que a autora "se achega con dignidade a beber das fontes da nosa mellor tradición pictórica europea, con destreza e dominio da cor, combinándoa con transparentes veladuras entrelazadas con pinceladas e empastes, onde os efectos acentúanse e reforzan por sutil contraste con eles".

Pola súa banda, a artista, cre que pode dicirse do seu estilo á hora de pintar que "é figurativo e similar ao dos impresionistas. Do mesmo xeito que eles considero que a luz é algo fundamental".

Sorolla é o artista que máis admira "porque creo que a súa pincelada rozaba a perfección e que plasmaba a luz como ninguén". A Coruña está presente en moitas das súas obras, "é unha cidade á que sinto unida e creo que o reflicto nos atardeceres das mariñas que se expoñen nesta mostra, tamén sinto predilección polos bodegóns ao natural", asegura.

A mostra "EVOCACIÓNS" poderá visitarse nas Salas A e L da Casa de Galicia ata o 28 de xuño; en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

 

04 Xuño 2019
Notas de prensa