A exposición "Indumentaria tradicional galega. O traxe de muros" mostra en Madrid os traxes típicos de Galicia e os seus complementos

Notas de prensa
12/02/2010
12/02/2010
02/12/2010

A exposición "Indumentaria tradicional galega. O traxe de muros" mostra en Madrid os traxes típicos de Galicia e os seus complementos

Pode verse na Casa de Galicia ata o próximo día 26

A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolle a mostra "Indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros", realizada pola Agrupación Folclórica Ximiela, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. Nela, a través de nove manequíns móstranse unha decena de traxes, de gala, festa e diario de diferentes zonas de Galicia, coas súas correspondentes xoias, abelorios e complementos, e unha colección de bonecos con traxes rexionais.

Madrid, 2 de decembro de 2010. A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolle a mostra "Indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros", realizada pola Agrupación Folclórica Ximiela, en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. Nela, a través de nove manequíns móstranse unha decena de traxes, de gala, festa e diario de diferentes zonas de Galicia, coas súas correspondentes xoias, abelorios e complementos, e unha colección de bonecos con traxes rexionais. Hai traxes da bisbarra de Muros, de onde é Ximiela; do Courel; da montaña lucense e outros de Silleda, Nigrán e vila de Lugo (de cando Lugo era aínda vila, no século XIX). Pode verse ata o próximo día 26.

A exposición foi presentada polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, a deputada de Cultura da Deputación Provincial da Coruña, Caridad González Cerviño, o comisario da exposición, José Manuel Sande, e a presidenta da Agrupación Folclórica Ximiela, Manela Pais. Ademais, a inauguración contou co son da gaita dun dos prestixiosos gaiteiros da Xuntanza de Galegos de Alcobendas, que interpretou varias pezas.

Ónega resaltou que "Muros é unha referencia no contexto das vilas galegas" polas súas paisaxes, a súa xente, a súa ría e por ser un lugar onde "aflora a historia" a través de monumentos e petroglíficos. Fixo notar tamén que aínda que o traxe de Muros é protagonista da exposición, non está só nela senón acompañado polos doutros municipios galegos. Recordou a importancia social do traxe ao longo da historia e tamén tivo palabras de eloxio para a Agrupación que preside Pais, da que dixo que fai un importante labor de recuperación da vestimenta galega.

Caridad González explicou que traer ata Madrid esta exposición tivo algunhas dificultades de axenda e de feito o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, non puido finalmente asistir á inauguración, como era o seu desexo. Subliñou especialmente que os traxes que se exhiben non son comprados senón "feitos a man nos días de inverno de Muros, cando non hai moito que facer e as nais invisten o seu tempo en elaborar estas obras de arte".

José Manuel Sande tamén gabou o labor da mulleres da Agrupación Folclórica Ximiela, a súa investigación e elaboración dos traxes típicos, que empezaron a recuperar, para os seus propios fillos. Sande, que recordou a historia da Agrupación, sinalou que xa conta cun centenar de traxes, todos eles artesanais.

A Agrupación Folclórica Ximiela de Muros tivo a súa orixe en 1988 como ANPA (Asociación de Nais e Pais) do Colexio Público de Louro da que posteriormente se desvinculou e naceu como Agrupación co obxectivo de recuperar o interese polo baile e a música tradicionais entre as rapazas e rapaces do lugar. Actualmente, con máis de medio centenar de membros, posúe tres grupos de baile, un de gaitas e un de pandereteiras, que participan con frecuencia en festas, romaxes e concursos. Conta, como se dixo, cunha ampla colección de vestiario -do que a Casa ofrece só unha parte-, realizado polas mulleres do grupo de forma artesanal, baseándose sempre na ampla documentación que antes recompilaron.

02 Decembro 2010
Notas de prensa
Imaxes