Falece José Ramón Ónega, director da Casa de Galicia en Madrid

Notas de prensa
02/08/2021
02/08/2021
08/02/2021

Falece José Ramón Ónega, director da Casa de Galicia en Madrid

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, lamentou o falecemento de quen era delegado da Xunta na capital de España desde 2009.

Feijóo tense referido a José Ramón Ónega como “o mellor embaixador que puido ter Galicia en Madrid” e incidiu en que formaba parte “desa ampla lexión de galegos que souberon galeguizar Madrid”.

Nesa liña, tamén valorou o seu esforzo por converter a Casa de Galicia “nunha casa coas portas abertas para a sociedade, a cultura ou as empresas con raíces na nosa terra”.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, desempeñou numerosos cargos ao longo da súa vida, entre eles os de subdirector xeral de Política Interior (1977), subdirector xeral do Gabinete Técnico da Subsecretaría de Orde Pública (1978) e Gobernador Civil de Zamora (1979) e Biscaia (1982). Este último marcaríao especialmente, por ter que ver reflectida demasiadas veces nos ollos dos cidadáns as consecuencias da barbarie de ETA.

Entre 1984 e 1993 foi Inspector Xeneral de Servizos do Ministerio do Interior, e en 1996 foi nomeado director xeral de Política Interior.

Foi presidente da Comisión Nacional contra a violencia deportiva, secretario Xeral da Comisión Interministerial de Estranxeiría e presidente da Comisión Interministerial de Asilo e Refuxio.

Experto en leis, tamén era un gran apaixonado da historia, paixón que levou á literatura con títulos como Los judíos en el Reino de Galicia, Odoario el Africano ou El enigma de Jose An.

Desde a Casa de Galicia en Madrid fomentou o asociacionismo galego en Madrid apoiando o labor levado a cabo por organizacións e centros galegos que impulsan moi positivamente a imaxe de Galicia e os intereses dos galegos.

https://twitter.com/FeijooGalicia/status/1358400106513457154?s=20

08 Febreiro 2021
Notas de prensa
Departamento
Prensa
Imaxes