Inaugúrase a exposición de debuxos "Fortes Feitizos", de Mingos Teixeira

Notas de prensa
01/13/2022
01/13/2022
13/01/2022

Inaugúrase a exposición de debuxos "Fortes Feitizos", de Mingos Teixeira

O pasado martes 11 de xaneiro, inaugurouse na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a primeira exposición do presente ano 2022, a de debuxos do artista vigués Mingos Teixeira titulada "Fortes Feitizos". A exposición, que se compón de 40 obras de diferentes medidas ocupará as dúas salas da planta baixa do edificio ata o próximo 30 de xaneiro inclusive. 

O pintor non puido asistir á presentación da mostra por atoparse convalecente aínda dunha importante intervención cirúrxica que se lle practicou en outubro do ano pasado, polo que a única intervención no acto correspondeu ao Coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez. Este, nas súas palabras, referiuse a como, nos seus novos traballos, Mingos Teixeira prescindira da cor, el, que sempre foi un artista obsesionado pola cor, para ofrecernos agora unha serie enteira de obras en branco e negro. Segundo explicou o coordinador, baseándose nas afirmacións tanto do prologuista do catálogo, Miguel Fernández-Cid, crítico de arte e director do Museo de Arte Contemporánea (MARCO), como do propio Mingos, o cambio cromático debeuse, por unha banda, ao confinamento provocado pola pandemia, e por outro, a unha cruel enfermidade; circunstancias que lle obrigaron a abandonar a súa habitual pintura e materiais. Foi entón cando tivo a coraxe de converter os apuntamentos ou bosquexos que conservaba para a creación de posteriores cadros en cor, en obra final en branco e negro, profundando na elaboración das súas paisaxes sen liña e os seus personaxes máxicos. Por iso, e segundo Jiménez, esta é a exposición dunha superación persoal, e comparou ao artista co castelo que, reducido á torre da homenaxe, se reconquista a si mesmo; que se reconstrúe, no caso de Mingos, grazas á súa gran forza, vocación e valía, que lle fixeron acredor de importantes premios e reservado un lugar nunha ducia de museos e coleccións públicas e privadas, como a Thyssen Bornemisza ou a do Centro Unesco do Porto. 

E é que a arte con maiúsculas serviulle para conxurar a dor provocada polo cancro e a pandemia, o que el mesmo expresa en palabras emocionadas cando di que “a divina experiencia de vestir con roupaxes de domingo as ás da imaxinación, faille saborear a pueril e fatua ilusión de parar o tempo”, ou de como, “cando debuxa ao amparo da soidade, e sente en transo, xorden de súpeto da nada as formas, os reinos de anxos e demos, os planetas e continentes cheos de estrelas liviás e afastadas, pletóricas de códigos proféticos de delirios e soños, sempre presentes na placenta ancestral do pensamento simbólico”. Así espanta, como por encantamento, os seus desasosegos. Así Mingos, desde o branco e negro, exorciza o mal cos seus feitizos para saír novamente á boia.

13 Xaneiro 2022
Notas de prensa
Imaxes