Inaugúrase a exposición de pintura "Corpo permeable/Corpo insubstituíble", da artista lucense Gema López

Notas de prensa
06/03/2022
06/03/2022
03/06/2022

Inaugúrase a exposición de pintura "Corpo permeable/Corpo insubstituíble", da artista lucense Gema López

Onte, 2 de xuño, tivo lugar a inauguración do novo proxecto expositivo da pintora Gema López, "Corpo permeable/Corpo insubstituíble", que poderá contemplarse nas dúas salas principais da Casa de Galicia ata o 30 de xuño. 

O vicesecretario xeral de Presidencia, Jesús Navazo, deu a benvida aos asistentes ao acto, destacando da pintora a súa ampla traxectoria artística ao longo deste últimos quince anos con abundantes exposicións realizadas e recoñecementos recibidos. 

A continuación tomou a palabra a artista lucense que agradeceu a todos os asistentes a súa presenza na inauguración da súa exposición e á Casa de Galicia por que lle dese a oportunidade de dar a coñecer a súa obra en Madrid. Nesta exposición leva traballando desde hai dous anos e medio e fálanos de identidade, de intimidade e de vulnerabilidade desde dúas liñas diferentes: corpo permeable, que fai referencia á unión do eu e as circunstancias que lle rodean, e corpo insubstituíble que busca a identidade individual a través da instrospección e dos sentimentos que outras persoas xeran na súa psique.

A autora, que traballa sobre todo coa figura humana, destacou desta mostra a serie "Translúcidas" realizadas en óleo sobre táboa, en homenaxe á muller afgá e a serie "Agora que non che podo ver", pintadas durante a pandemia e dedicadas a dez persoas importantes na súa vida das que tivo que estar afastada.

Terminada a presentación, a pintora acompañou aos asistentes por toda a exposición aclarando as súas dúbidas e explicándolles os aspectos máis relevantes de cada cadro.

  
 

03 Xuño 2022
Notas de prensa
Imaxes