Inaugúrase a exposición de pintura "Érase unha vez..." de Belén Padrón e José Carlos Seoane

Notas de prensa
03/03/2022
03/03/2022
03/03/2022

Inaugúrase a exposición de pintura "Érase unha vez..." de Belén Padrón e José Carlos Seoane

A Casa de Galicia en Madrid acolle durante todo o mes de marzo, ata o 31 inclusive, a exposición conxunta de dous artistas, Belén Padrón e José Carlos Seoane, tiulada "Érase unha vez...".

Onte, 2 de marzo, tivo lugar o acto de inauguración da mostra que contou coa presenza de Jesús Navazo, vicesecretario de Presidencia da Xunta de Galicia, acompañando a ambos os artistas. En nome da Xunta de Galicia, deu a benvida ao público asistente e seguidamente presentou en primeiro lugar a Belén Padrón “unha pintora que, aínda que nada en Oviedo, pasou os seus anos de formación en Pontevedra, onde estudou Belas Artes, e onde regresou finalmente tras un periplo formativo que lle levou a distintos países e a aprender xunto a grandes artistas da nosa época”; e a continuación a José Carlos Seoane, “nado e formado inicialmente en Ourense, que continuou os seus estudos en Salamanca, onde reside e traballa actualmente. Na súa formación tamén tivo a oportunidade de traballar nos talleres de grandes artistas. Foi precisamente traballando no taller de Luís Gordillo na Coruña onde ambos os artistas coincidiron, o que lles leva agora a presentar as súas obras conxuntamente.”

Unha vez inaugurada a exposición, os artistas fixeron un percorrido cos asistentes por toda a exposición aclarando as súas dúbidas e explicando o significado dalgunha das obras expostas.

Belén Padrón comentoulles que pintar é "un reto, é enfrontarse a ela mesma". Cando comeza un cadro, cando está ante un lenzo en branco, despois dunha desorde inicial, nunca sabe onde a súa inspiración vai levar. Para ela, a pintura é “un percorrido de coñecemento e procura constante, no que continuamente quere avanzar abandonando territorios que xa lle son coñecidos.”

Pola súa banda, José Carlos Seoane sinalou que os cadros que agora expón, parten dun bosquexo ao que se van engadindo elementos que proveñen da súa historia persoal e que acaban conformando cada unha das súas obras.

03 Marzo 2022
Notas de prensa
Imaxes